O piso de estudantes de Santiago que asusta: «O problema non son os ratos ou os térmites, senón as humidades do salón, ao que xa non imos»

La Voz SANTIAGO

VIVIR SANTIAGO

Xoán A. Soler

Crece en redes o estupor ante a vivenda na que conviven tres estudantes de Filosofía, próxima á estación intermodal

20 ene 2024 . Actualizado á 21:44 h.

Non fai falta escarbar moito para que afloren por Santiago testemuños de estudantes que denuncian a situación na que se atopan os pisos que alugan durante o curso e que, en máis dun ocasión, distan moito de parecer un fogar. O último exemplo, situado na contorna da estación intermodal compostelá, e sacada á luz por Salseo, a conta de Instagram que concentra a maior comunidade de universitarios, non deixa de xerar estupor e comentarios en redes, a pesar de que os seus inquilinos poñan o foco no que esas situacións son «tristemente normais».

«No piso convivimos tres estudantes de Filosofía. Alugámolo no verán. Nese momento xa vimos que había algunha humidade na galería e nunha parede do salón, pero, nesta última, de forma moi reducida. Como en principio a galería non a iamos a utilizar moito, non nos pesou. Valoramos que é un piso de tamaño considerable, que é sobre todo céntrico e que ten un prezo non elevado, ao redor dos 475 euros. Cada un pagamos 158 euros ao mes, case 200 con gastos... Acórdome que o meu pai tamén o viu antes de que o alugásemos e as humidades non lle chamaron a atención. O caseiro aclaráranos que o piso non estaba no seu mellor momento a nivel estético, pero que non iamos ter problemas para convivir nel, algo que, unha vez dentro, rapidamente comprobamos que non era así. Pasas unha man pola parede e queda empapada. Nel non hai calefacción, temos calefactores», explica Víctor D'Ambrosi, un dos seus inquilinos.

«O problema xurdiu a mediados de setembro, coas primeiras choivas intensas. As humidades do salón acrecentáronse, empezando por unha esquina e ocupando unha parede enteira, que conecta coa galería, cuxo teito xa case é negro. Comezaron as pingueiras, ata por tres puntos distintos, as filtracións...», aclara desde un piso que sumou máis incidentes. 

«Atopámonos ratos, pero ao ter un de nós un gato, iso puidémolo solucionar. Foi algo puntual. Tamén sufrimos pragas de térmites, que nos obrigaron a mover algún moble. Pero o gran problema para nós non foi iso, senón as humidades do salón, ao que xa non imos; que evitamos. Realmente facemos vida cada un nos seus cuartos, que si están en bo estado», remarca, querendo pór, de todos os xeitos, o foco na boa comunicación que manteñen co seu caseiro, cuxo nome prefiren non dar ao estar todo, defenden, en vías de solución. «Cuestións menores, como problemas coa instalación eléctrica, xa as abordou. Queda o grande, as humidades, que non sei se nós veremos solucionadas este curso», afirma o estudante, aclarando en todo caso que non dubidan en continuar nel ata xuño.

«Este é o meu terceiro ano. Estou curado de espantos. Acórdome que fai dous ofrecéranme un piso por unha zona próxima ao Museo do Pobo Galego polo que, ademais de pedirme tres meses de fianza, incluíase un cuarto que tiña só tres paredes. A cuarta era unha cortina!, a pesar de que a caseira o negase», rememora aínda asombrado.

«Noutro piso todas as fiestras estaban gretadas, pasabas frío...», engade, remarcando por tanto que a vivenda da estación intermodal non lles sorprendeu.

«Sabes que por 200 euros é posible que o piso poida ter algunha humidade, pero isto non debería ser o normal», razoa, quitando importancia a que o seu piso se haxa viralizado nas redes. «A xente da facultade alégrase que poñamos de novo de relevancia a situación cotiá na que moitos viven», conclúe.

Se queres compartir a túa experiencia en ningún dos pisos nos que viviches podes enviárnola ao correo electrónico vivirsantiago@lavozdegalicia.es