As augas da vella mina de Touro acadan unha calidade «excelente» tras a súa depuración
TOURO
A planta de tratamento activada por Cobre San Rafael verte ao río con baixos niveis de concentración de metais
04 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.A Planta de Tratamento de Auga (PTA) que puxo en marcha Cobre San Rafael no marco do seu plan para a rexeneración integral das augas da antiga mina de Touro-O Pino, supera os 4,46 millóns de metros cúbicos de auga depurada. É unha das cifras que se desprende da última análise de resultados realizado pola empresa que promove a reactivación da explotación mineira, na que cualifican do «fito destacado» volume de auga tratada ata a data. Supón, engaden desde Cobre San Rafael, un «avance significativo» na depuración das augas procedentes da antiga mina e na mellora xeral da calidade hídrica da zona, tendo en conta que na planta se tratan as augas que estiveron en contacto cos minerais —incluídas as do antigo oco mineiro de Vieiro— para, posteriormente, proceder á súa vertedura en bo estado ao regacho Pucheiras.
O sistema de tratamento, que funciona de xeito continuado, non só garante unha boa calidade das augas, senón que, incluso e de acordo cos parámetros de Augas de Galicia, pode chegar a cualificarse de excelente, polos baixos niveis de metais que presentan. As últimas análises guindan concentracións de ferro, níquel, zinc e aluminio por baixo do máximo establecido para cada metal. Tamén cumpren coa normativa todos os parámetros de devolución, como o pH, os sólidos en suspensión, e os nutrientes, como o nitróxeno e o fósforo, entre outros valores. Ademais, compoñentes como o arsénico, o cromo e o mercurio, e os residuos orgánicos —aceites, graxas e hidrocarburos— atópanse por baixo dos valores máximos.
Melloras visibles nos ríos
Os resultados reflicten «a fiabilidade do tratamento e o papel clave da PTA na recuperación ambiental da zona», tal e como confirman desde Cobre San Rafael, que avanza, así, na restauración da calidade das augas e na recuperación dos ecosistemas fluviais afectados polos pasivos da antiga explotación mineira de Touro-O Pino, clausurada en 1986. Ese é o obxectivo que se propuxo a compaña coa posta en marcha voluntaria do Plan de Restauración Integral das Augas da Mina Histórica, con actuacións que evidencian que os arroios da zona presentan unha mellora notable da calidade das augas. É o caso dos regachos Portapego e Pucheiras, que, ademais do visible mellor aspecto, rexistran notables reducións na concentración de metais, como o ferro, que, no primeiro dos regatos, reduciuse ata cen veces.
Con carácter xeral, nos principais puntos de control —que se poden consultar nun mapa virtual na páxina web de Cobre San Rafael— o seguimento realizado polo equipo de Medio Ambiente da compaña e polo Grupo de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente da Universidade da Coruña guinda unha diminución substancial da presenza de metais disolutos. Así, o pH duplicouse, pasando de valores de acidez próximos a 3 a niveis superiores a 6, e a condutividade eléctrica reduciuse en máis dun 50%.