A taxa de recollida diaria de lixo de Teo pasará de 68 a 116,49 euros a partir do 2026
TEO
O goberno popular e a oposición reprocháronse mutuamente non establecer medidas para xerar menos residuos
30 oct 2025 . Actualizado á 20:32 h.O Concello de Teo hase sumado á lista de municipios que actualizaron as taxas polo servizo de recollida de lixo en cumprimento da orde establecida polo Goberno central de acordo coa norma comunitaria, o que implica un significativo incremento respecto ás tarifas actuais. Así, o prezo polo servizo diario en Teo pasará, a partir de outubro do 2026, de 68 a 116,49 euros anuais, mentres que no caso de retirada non diaria, un modelo que adoita aplicarse ás zonas rurais, o importe do recibo subirá dos 47 actuais a 99,19.
O acordo plenario, que agora debe someterse a un período de exposición pública, establece cambios na fórmula para calcular as tarifas para os establecementos hoteleiros e de restauración, xa que ata o de agora se tiñan en conta variables como as estrelas dun aloxamento hoteleiro, prazas, categoría do restaurante e persoal, pero agora fíxase un criterio por metros cadrados, tras un estudo específico do servizo en Teo.
En consecuencia, e sempre dependendo dos metros cadrados do establecemento, un restaurante de ata cen metros cadrados pasará de pagar 283,04 euros a 310,41; unha cafetería subirá de 108,86 a 232,44 euros; unha tenda pequena de alimentación de ata sesenta metros que agora paga 115 euros deberá abonar 218,78; e unha oficina pode incrementar o custo da recollida de 87,09 euros a 159,96.
O incremento é máis significativo en locais comerciais como unha barbería, que ata o de agora abonaba tamén 87,09 euros e tería un recibo desde o próximo ano de 172,18. A ordenanza mantén a exención do total para os fogares nos que residan persoas en risco de exclusión social.
O goberno teense (PP), que viu prosperar a proposta cos seus votos a favor, a abstención do PSOE e a negativa de BNG e PXCT grazas á súa maioría absoluta, sinalou sobre esta subida que había agardando «ata ou último momento» para aplicala, xa que, de non facelo, o Concello podería ser sancionado e quedaría excluído da solicitude de subvencións.
A oposición, que apoiou do mesmo xeito que o PP que a taxa da lixo se axuste á xeración de residuos, botou en falta medidas municipais para xerar menos residuos, ante o que o goberno popular lembroulles os seus anos de goberno en Teo.