O ferri do encoro, entre dúas augas

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol ARZÚA / LA VOZ

SANTISO

miguel souto

O anunciado paro para revisar a barcaza confunde ao non cumprirse

16 oct 2025 . Actualizado á 05:05 h.

Está operativa, ou non, a barcaza de Portodemouros? En teoría, non, pero na práctica, si. Sobre o galimatías puxeron o foco os alcaldes de Arzúa e de Santiso, os nacionalistas Xoán Xesús Carril e Manuel Adán, que denunciaron publicamente a insólita situación na que se atopa o transporte en ferri que comunica as dúas beiras do encoro. Por que? Pois porque Naturgy —concesionaria da explotación do pantano— anunciou a interrupción do servizo durante este mes con motivo dos traballos periódicos de revisión e mantemento da embarcación, pero o ferri aí segue, na auga, e funcionando.

Explícao o rexedor arzuán, queixándose, ao fío, da falta de comunicación por parte da compaña. «Non podemos saír do concello sen que houbese ningunha rectificación sobre a previsión de parar durante todo o mes de outubro e chegar ao encoro e ver a barcaza operando con normalidade», conta Xoán Xesús Carril. A consecuencia directa da contradición que relata o alcalde de Arzúa é que «hai persoas que están facendo un percorrido de 20 minutos por estrada cando este servizo está operativo por mor dunha información incorrecta proporcionada por parte da empresa», comenta o portavoz do BNG no concello pontevedrés de Vila de Cruzamentos, Álex Fiúza, que participou, xunto con Carril e Adán, nun encontro con veciños de Loxo e de Beigondo, as parroquias cruceña e de Santiso que, a través do ferri, comunica o encoro de Portodemouros. No encontro cos veciños, o rexedor de Santiso puxo o acento no estado dos accesos ata a barcaza. Son, afirma, «completamente inseguros e sobre os que actúan os concellos e a veciñanza ante a pasividade de Naturgy e a Xunta de Galiza». Doutra banda, Manuel Adán demanda «condicións de seguridade para as persoas que se achegan ata aquí».

A polémica, ao Parlamento

A situación trasladaraa ao Parlamento galego o BNG, segundo anunciaron as deputadas nacionalistas Iria Carreira e Ariadna Fernández, en consonancia co compromiso de esixir á Xunta un «maior control» para que o servizo de transporte do encoro de Portodemouros préstese de xeito ininterrompido. «Seguiremos denunciando a situación e esixindo que a Xunta garanta os dereitos de toda a veciñanza», afirma Fernández, tras explicar que «existe un acordo parlamentario do ano 2021 para esixirlle á Xunta de Galiza actuacións para garantir o funcionamento deste servizo e vemos como o Partido Popular fai caso omiso do mesmo».