A alcaldesa de Santiago culpa ao seu departamento de protocolo de confirmar a súa asistencia á entrega da Medalla de Galicia á princesa Leonor

SANTIAGO CIUDAD

Goretti Sanmartín asegura que por respecto institucional asistiría ao acto se se produciu xunto ao resto de galardoados o día 24
15 jul 2025 . Actualizado á 19:17 h.A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín (BNG), culpou ao seu departamento de protocolo de confirmar inicialmente a súa asistencia ao acto celebrado o luns para entregar a Medalla de Ouro de Galicia á princesa Leonor para despois anular a súa presenza unha vez que se coñeceu que a organización xuvenil do Bloque, Galiza Nova, organizara un escrache contra a presenza da herdeira da Coroa de España. «Houbo neste caso unha falta de contraste nun momento entre os servizos de protocolo e a propia alcaldía. Desde eses servizos de protocolo se confirmou que si ía asistir cando iso non estaba contrastado coa alcaldía. Iso foi o único que aconteceu. Evidentemente, as decisións respecto deste tipo de actos tómoas eu, despois de ter escoitado ao resto de compañeiros e compañeiras que forman parte do goberno», explicou a rexedora.
En todo caso, Sanmartín asegura que esa decisión «estaba tomada» porque ao que sempre asiste «de maneira institucional» a alcaldía compostelá é ao acto tradicional do día 24 pero que «non había xustificación para facer un acto aparte». Preguntada entón respecto a se acudiría á imposición da Medalla de Galicia á princesa Leonor no caso de que se fixo no acto da véspera do Apóstolo, sinalou que si. «Nós como goberno de Santiago, en representación do conxunto do concello e de maneira institucional, por suposto que asistiríamos ao acto do día 24 de entrega de medallas, como é habitual».
En todo caso, a alcaldesa considera que a princesa de Asturias non merecía o galardón e que coa súa concesión nun acto propio «afondamos máis nos prexuízos porque non só lle damos unha medalla a alguén que é polo menos discutíbel o que fixo a prol de Galiza, senón que aparte diso creo que a maior parte da xente queda coa idea de que se fai para branquear á monarquía».
En canto á polémica polo feito de que Galiza Nova empapelase Santiago con carteis contra a presenza da princesa Leonor en Santiago incumprindo ordenanzas municipais, Goretti Sanmartín esquivou a pregunta respecto a se o Concello sancionaría á organización xuvenil do seu partido e limitouse a considerar que a cidade ten «un debe» por carecer de espazos específicos nos que entidades de todo tipo poidan «facer pública a súa exposición».
No entanto, a rexedora desculpou a Galiza Nova porque os seus carteis contra a herdeira da Coroa «están colocados en lugares onde había outros carteis e hai habitualmente outros carteis diferentes, de distintos signos ou mesmo de cuestións que non teñen nada que ver con cuestións de organizacións e colectivos políticos».
O PP propón que sexa Goretti Sanmartín e o BNG quen pague as multas de Galiza Nova polos seus carteis
Para o PP compostelán é «asombroso e inadmisible» que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, «en menos de 24 horas» renunciase a acudir ao acto institucional de entrega da Medalla de Galicia á princesa Leonor «deixando baleira a cadeira de Santiago nun acto que simboliza o respecto ás nosas institucións e á propia cidade».
O concelleiro José Ramón de la Fuente denuncia que a rexedora tomou esa decisión «baixo a presión da ala máis radical do seu partido» que «lle dobrou o pulso e a obrigou a desdecirse, atepoñendo os intereses partidistas aos da cidadanía». «Temos dereito a coñecer que presións recibiu para ese cambio de postura, queremos saber quen manda realmente en Santiago, Goretti Sanmartín ou Néstor Rego. O que quedou claro é que temos unha alcaldesa coa vontade secuestrada polos sectores máis extremistas da súa formación», engadiu.
Tamén se referiu o edil ao escrache organizado por Galiza Nova contra a princesa de Asturias, algo que considera «intolerable» por ser un partido de goberno o que «convoque e incite a protestas contra un acto institucional da comunidade autónoma» e preguntou se Sanmartín «vaise multar a se mesma» e se xa ordenou «iniciar os expedientes sancionadores por ensuciar a cidade» contra a organización xuvenil do BNG. Ante este dilema, propón que sexa ela mesma e o Bloque quen pague as multas.