O Negreira cítase coa historia e a Real Sociedade na Copa do Rey

NEGREIRA

Paco Rodríguez

«Xogar contra un equipo que ten futbolistas na Selección Española é un auténtica animalada», apunta Alberto Freire

06 oct 2025 . Actualizado á 17:51 h.

A Sociedade Deportiva Negreira, con máis de sesenta anos de historia ás súas costas, se apresta a vivir o primeiro partido oficial no García Calvo ante un rival de Primeira División. Será na Copa do Rey, a finais de outubro, entre o 28 e o 30, ante un equipo de tronío. Así o determinou o sorteo, moi ben recibido pola ampla representación do equipo, encabezada polo adestrador, Adrián Vázquez Forján, no Auditorio Afonso Eanes. Cando Isi Palazón sacou a bóla co nome da Real Sociedade desatouse o xúbilo. Un histórico que sabe o que é gañar unha Liga e competir en Europa ao máis alto nivel, aínda que esta tempada arrincou con dúbidas.

Os primeiros aplausos no auditorio chegaron antes da conexión co sorteo, mentres se proxectaba un resumo do partido do sábado ante o Téxtil Escudo. Ao gol que abriu o camiño da vitoria, anotado por Juan Diego e celebrado co xesto de Cristiano Ronaldo, acompañoulle desde as butacas o «siuuu!». .

Paco Rodríguez

Había cosquilleo, pero coa tranquilidade de que o exame estaba xa superado e o que viñese sería só para subir nota, para gozar sen renunciar á xesta.

O sorteo comezou con puntualidade prusiana. E a delegación rojilla non puido evitar as mostras de alegría cando o primeiro emparellamento cruzou ao Getxo co Alavés. Non en demérito do conxunto vitoriano, senón porque dos catro que podían tocar era o que menos tirón parecía ter. A posibilidade dun derbi co Celta, a proximidade do Oviedo ou a historia da Real Sociedade albergaban un punto engadido entre as preferencias.

E non houbo que agardar. Ás 13.17 saíu a bóla do Negreira e xusto a continuación a da Real Sociedade. Xogadores e técnicos saltaron de inmediato e xa empezaron a soñar cunha cita que quedará para a historia da Sociedade Deportiva Negreira e do municipio negreirés.

Alberto Freire, segundos despois de que coñecer o emparellamento, resumía o sentir do grupo: "Para o equipo é algo extraordinario e agora todo vai ser gozar. Xogar contra un equipo como este, que xoga en Europa, que ten futbolistas na Selección Española é unha animalada". Deixou aberta unha porta ás opcións de superar a eliminatoria: "Igual podes gañarlles un partido de cada mil e con moita sorte. Pensamos en que sexa un día único para todos".

Poucos podían barruntar que a aventura que empezou a pasada campaña na Copa do Sar, ante o Bastavales, que seguiu coa Copa Deputación e a Supercopa e que tivo colofón de ouro superando a eliminatoria fronte ao Téxtil Escudo ía deparar tantas satisfaccións.