
A xerencia da área sanitaria de Santiago confirma que un especialista cubrirá en xuño a praza vacante no centro médico da capital comarcal
20 may 2025 . Actualizado á 21:08 h.Varios centos de persoas concentráronse este martes pola tarde diante do centro médico de Melide para urxir á Consellería de Sanidade que se cubra de xeito permanente o servizo de pediatría no ambulatorio da capital comarcal. A praza quedou vacante ao conseguir outra a profesional que a ocupaba. «Estamos cansas de que cada ano no verán, e este ano xa dende inicios do mes de maio,o centro de saúde de Melide quede, por diferentes motivos, sen profesional de atención pediátrica», protestaron as familias a través dun manifesto no que expresaron que a falta de pediatría «non só pon en risco a súa saúde e benestar, senón que tamén xera angustia e preocupación na comunidade».
No que foi un acto de protesta organizado polas propias familias, estas tamén explicaron as razóns polas que rexeitan a alternativa coa que desde a Xunta palían a situación ata a cobertura da praza, que finalmente se fará efectiva durante o mes de xuño, tal e como confirmaron este martes desde a xerencia da área sanitaria de Santiago e Barbanza, en consonancia co que o seu máximo responsable, Ángel Facio, avanzoulles aos edís do PP melidaos Aurora Fernández e Jairo Rodríguez, nun encontro que mantiveron o luns.

Aínda que as autoridades sanitarias insisten en que a derivación do servizo de pediatría ao centro médico de Arzúa está a se realizar «con todas as garantías» e «sen demoras», as familias consideran que «ter que desprazarse a outros concellos non axuda a mellorar esta situación de incertidume». Tampouco «ser atendidos por médicos de familia saturados e sen formación continua na especialidade de pediatría», tal e como recollen as nais e pais nun manifesto no que tamén cuestionan que sexan outros profesionais os que teñan que asumir o servizo pola sobrecarga de traballo que iso supón, e a consecuente repercusión que, consideran, ten no conxunto dos pacientes. «Sabemos que a fatla dun profesional de pediatría repercute negativamente nas axendas do resto dos profesionais médicos, que deben asumir nos seus cupos aos arredor de 800 nenos e nenas dos concellos de Melide, Toques e Santiso, sendo prexudicial para todos os usuarios e usuarias da sanidade pública nestes centros de saúde», sosteñen, respecto diso, as familias.
Pola súa banda, desde a xerencia da área sanitaria consideran un «logro» que se conseguiu un profesional para a vacante do centro de saúde de Melide, tendo en conta que, nun escenario no que escasean os pediatras, «hai moita vacantes de pediatría en Primaria en España fóra das cidades», explican.
Secundaron a convocatoria os alcaldes de Melide e de Santiso, o independente José Manuel Pérez e o nacionalista Manuel Adán, a socia do BNG no bipartito melidaos, Ana Mosteiro, e a edila melidá do PSdeG, Mónica Barral.