Xabier Castro, novo alcalde, asegura que os veciños terán o mando do Concello de Dodro
DODRO

A previsión de cambio político no Concello de Dodro converteu o pleno de constitución da nova corporación local nunha festa. O salón de plenos quedou pequeno para acoller a todo o público, na súa maioría afín aos grupos que fixeron posible o cambio. Despois de oito anos de goberno do PP, o socialista Xabier Castro Tourís é o novo alcalde de Dodro.
Para iso, recibiu o apoio dos dous concelleiros da Unidade Veciñal (que prometeron o seu cargo ante o libro Sempre en Galiza, de Castelao) e do edil do BNG. Tras o acordo para a investidura, agora quédalles pendente pechar outro para o goberno.
No seu primeiro discurso, Xabier Castro falou de que leva 32 anos como concelleiro de Dodro e, por tanto, «coñezo ben esta casa e o municipio», dixo. O novo rexedor dirixiuse, especialmente, aos veciños que non lle votaron para dicirlles que o «Concello é a casa de todos» ata o punto de que, engadiu, en Dodro o mando terano os veciños. Asegurou, ademais, que entre as súas virtudes están «a claridade e a transparencia» e, xunto con iso, ofreceu un «mandato de traballo» e de esforzo porque, dixo, «Dodro ou merece».
Para rematar, nunha declaración pouco habitual en política, concluíu dicindo que, se dentro de catro anos, os veciños consideran que non se produciu ese mandato de traballo que anunciou, están no seu dereito de elixir a outro rexedor. A elección de Xabier Castro foi moi aplaudida polo público e, nada máis ser proclamado alcalde, os concelleiros do PP, con Valentín Alfonsín á cabeza, levantáronse para felicitarlle.