Efectivos de GES de Brión e veciños de Marcelle colaboran na extinción dun lume que afectou a rolos de herba seca
07 ago 2025 . Actualizado á 14:53 h.O incendio nunha explotación familiar da Baña na mañá deste xoves mobilizou a efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Brión, a Bombeiros de Santa Comba e a veciños da parroquia de Marcelle, para minimizar as consecuencias do lume. As chamas afectaron a rolos de herba seca, próximos ao alpendre da casa, polo que por precaución procedeuse a desaloxar á decena de vacas do país que ten a familia. No momento de comezar o incendio, a media mañá, non estaban os propietarios na vivenda, e foron os propios veciños quen deu a voz de alarma.
A rápida intervención nas tarefas de extinción, que continuaban pasadas as 14.30 horas, evitaron que as chamas chegasen a afectar o cortello. Os veciños colaboraron desprazando cos seus tractores os rolos de herba seca a leiras próximas, para afastalos así das construcións, co obxectivo de evitar que o lume fose en aumento e o risco de que saltase a alpendre ou vivenda. No suceso, no que se persoou o rexedor bañés José Antonio Pereira, non se rexistraron danos persoais nin se viron afectados os animais.