«Non podes competir con Amazon», lamenta Santiago Navia, do establecemento de cómics A Gata Tola
14 mar 2026 . Actualizado á 05:00 h.Hai 25 anos Santiago Navia tomou unha decisión que marcou o seu futuro e que o levou por un camiño que nada tiña que ver co que, inicialmente, ía ser a súa vida profesional de seguir a liña marcada pola súa elección formativa. Santiago estudou Xeografía e Historia, pero tiñan claro que a súa paixón era outra. «Tiven a sorte de poder facer da miña paixón a miña profesión», confesa Santiago Navia, que durante 25 anos estivo a cargo da Gata Tola, a tenda de cómic que iniciou hai unhas semanas a liquidación coa idea de pechar a súa porta antes do mes de xullo. «Ten que ser así, porque acaba o aluguer, e non vou renovar porque non me compensa». Antes de abrir A Gata Tola, Santiago traballou fóra de Galicia e cos seus aforros abriu no 2000 o comercio que pronto se faría un oco nun sector que tiña máis locais dedicados ao cómic en Santiago. Botando a vista atrás, recoñece que acudir cada mañá destes 25 anos ao baixo de Romero Donallo «non era un esforzo, porque non era un traballo, é unha ilusión». Con todo, dun tempo para acó, a ilusión comezou a racharse. «Non podes competir coa inmediatez de Amazon; en novidades é imposible», confesa canso de pelexar cun xigante que rompe as marxes de beneficio e que impide manter aberto o negocio. «O espazo físico é moi exixente. Non compensa o esforzo», lamenta. O que si funciona, e confía en poder manter parte da marca A Gata Tola, son as vendas por Internet, pero asegura que «aínda que teño na mente varias opcións, non sei o que farei cando peche A Gata Tola. Pode que manteña as vendas por internet». Incluso podería ser que a súa presenza en feiras non se remate, porque «este mundo gústame, haberá que esperar». Destas máis de dúas décadas de traballo, Santiago queda coas amizades feitas na tenda. «Gústame falar de cómic, e os amigos son os que fixen na tenda, porque os fixen de luns a sábado». Navia está convencido de que cada xeración ten uns cómics favoritos, que «son cos que creces». As últimas xeracións están enganchadas ao Manga, «son un grupo que lle en pantallas, é todo visual». A de máis idade son fieis a Jabato ou ao Capitán Trono, «e conservan os que teñen en papel, coleccionan». No medio está unha xeración que se inclina polos superheroes. Se tivese que nomear aqueles cómics que non pasan de moda, e que aínda se buscan na lista, Santiago inclúe Tintín, Astérix, Mortadelo e Filemón, as coleccións de Carlos Giménez e Curto Maltés; pero tamén un do bum xaponés: os Pokémon.