Máis das VUT

Cristóbal Ramírez

SANTIAGO

16 feb 2026 . Actualizado á 05:00 h.

Pois é unha noticia moi boa, oia: o Concello compostelán comezou a multar a vivendas de uso turístico (VUT) que funcionan sen licenza. Ou sexa, á marxe da lei. Porque diso vai a cousa: de estar dentro da lei ou fóra dela. É certo que por razóns políticas as

VUT eran miradas con certa comprensión, e Santiago, ademais, non ten capacidade para aloxar a tanto turista e peregrino nos meses estivais,

pero facer a vista gorda nunca é unha solución. Publicaba este xornal que o INE aseguraba que en agosto do 2020 había en Santiago 759 VUT (3.425 prazas), pisos pirata aparte. En novembro do ano pasado os números baixaran: 374 e 1.734. O REAT, Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (da Xunta) discrepaba e recollía 668 hai dous meses, que igualmente sinala un descenso das VUT do 17% en dous anos. En calquera caso, unha forte baixada. E iso, en momentos en que a vivenda aquí e en Andalucía está polas nubes, debe arquivarse no cartafol das cousas positivas.

O desenfreo que existe coas VUT necesita dun par de lecturas para entendelo, e a maior parte das que botan o peche é xusto porque carecen dos requisitos legais para seguir abertas, non por persecución por parte de Raxoi ou da Xunta. E iso quere dicir que se estaba dando

un mal servizo ao turista e ao peregrino, que son o tecido produtivo de Compostela: deles vive todo o mundo local, polígono do Tambre

aparte. Como anécdota previsible, o responsable do ramo do Concello disparou contra a Xunta. Vai na nómina. O caso é que se empeza a aplicar ao infractor non man dura —que tamén benvida sexa— senón, simplemente, a lei.