Paradiso

Ignacio Carballo González
Ignacio Carballo A SEMANA POR DIANTE

SANTIAGO

Fotografía de archivo de la cafetería Paradiso
Fotografía de arquivo da cafetería Paradiso Sandra Alonso

15 ene 2026 . Actualizado á 08:07 h.

A partir de mañá, a monumental Rúa do Vilar será distinta. En realidade, leva moitos anos sendo distinta, pero agora queda un pouco máis orfa do pasado de relumbrón que luciu, polo menos, ata a última década do século pasado. Non é necesario remontarse moito máis atrás, a episodios tan lembrados polos máis veteranos, moi mozos entón, como o das maracas de Machín marcando o ritmo de angelitos negros no Café Español, onde agora mesmo está a Librería San Pablo e antes estivo este xornal, e antes unha tenda de agasallos... E antes. Antes houbo moitos emblemas do comercio e a hostalería, da vida compostelá, que foron cedendo o seu espazo a unha modernidade absolutamente respectable pero irresistible, marcada pola pátina impersoal do puro negocio en pos do turismo. Sen alma. Poucos quedan na rúa: a máis que centenaria Sombrerería Iglesias, o recuperado para a vida hostaleira-tertuliana-cultural Café Casino, a Mercería Algui e o renovado Café Bar Suso. Hai pouco fóillenos outro centenario, a Camisería Riande e, desde mañá faltaranos a Cafetería Paradiso. Probablemente, nun futuro próximo o establecemento terá continuidade, porque aspirantes non lle faltarán dada a brillante memoria que herdarán, pero xa non será o mesmo sen a afectuosa atención de Agustín Ares e Socorro Pérez, que o rexentaron desde 1991, conservándoo e potenciando as súas esencias.

Fundado en 1976 por un emigrante retornado de Cuba, un local inspirado na novela de José Lezama Lima e que loce o seu mesmo título merecería xa de seu ocupar un lugar de privilexio na historia de Compostela. A súa decoración decadente e abigarrada, deseño de Ventura Cores, o seu interior estreito e cálido, debería ser declarado patrimonio cultural intocable. Salvo os vellos sofás e o chan renovado, mantense na súa versión orixinal. Con permiso do seu exquisito chocolate con churros —un dos mellores, se non o mellor da cidade coa súa fórmula a base de cacao puro e maicena— o mérito primordial de Agustín e Socorro é saber atender os novos tempos turísticos e xacobeos sen perder as acenos identidade do local. Eles conseguírono cunha entrega absoluta. Máis que gañada teñen a súa xubilación. Perdemos un pedazo brillante da historia da Rúa.