«Crecín nesta canteira e faime especial ilusión seguir a miña progresión aquí», subliña o ciclista pontevedrés
23 dic 2025 . Actualizado á 19:10 h.O Club Ciclista Padronés Cortizo segue adiante co seu plan de ruta para confeccionar o equipo do novo curso. A partir do 1 de xaneiro xa poderá empezar a confirmar as fichaxes. Entre tanto, céntrase nas renovacións e acaba de chegar a un acordo para a continuidade de Iván Belmonte.
O pontevedrés, que cumprirá 21 anos este domingo, despuntou no conxunto que agora viste de dourado na súa etapa júnior, na que conquistou o título autonómico da categoría en ruta. Despois estivo dúas tempadas no High Level Gsport. E retornou ao Padronés Cortizo.
O director deportivo, Marcos Serrano, destaca a capacidade de sacrificio de Belmonte en favor do grupo: «É un ciclista que se desfonda en cada carreira para axudar aos seus compañeiros, protagonizando un traballo en segundo plano que non acapara grandes titulares, pero que é imprescindible para o equipo».
Esas condicións valérona un oco entre os elixidos para participar en varias das probas máis significadas do calendario, como Bidasoa Itzulia, Rolde de l'Isard, Volta a Castelló, Volta a Estremadura ou a Volta a Galicia.
Satisfacción e esixencia
Iván Belmonte evidenciou a súa satisfacción polo acordo de renovación: «Crecín nesta canteira e faime especial ilusión seguir a miña progresión aquí. Agardo atopar a regularidade que me faltou esta tempada».
Móstrase tamén esixente consigo mesmo ao analizar a campaña recentemente concluída, na que sacou brillo á modalidade de contrarreloxo, na que non destacara con anterioridade. Proclamouse campión galego sub 23 en Castro de Rei.
A renovación de Iván Belmonte é a cuarta que pecha o Padronés Cortizo. Súmase ás de Martin Solhaug, Óscar Fuentes e Jordi Artigues para afrontar unha tempada na que o equipo competirá na Challenge Futura, unha iniciativa impulsada pola Federación Española de Ciclismo na que coincidirán equipos profesionais e afeccionados. A Clásica de Pascua, que se celebrará o domingo 12 de abril, será unha das probas incluídas no calendario.