Santiago e a súa contorna metropolitana elevan o seu censo en 1.993 habitantes
SANTIAGO
Todas as cabeceiras de comarca incrementan o seu padrón de forma provisional
06 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.Santiago e a súa área de influencia experimentaron no seu conxunto un incremento demográfico de 1.993 habitantes en base aos últimos datos provisionais do Instituto nacional de Estatística (INE), aínda que haberá que agardar a final de mes para coñecer os datos definitivos dos seus vinte e cinco concellos, xa que as cifras de concellos como Ames e Boqueixón rexistradas no mapa interactivo do INE sufriron leves variacións esta mesma semana. Iso si, esta última estatística constata un significativo incremento de poboación en todos os municipios cabeceiras de comarca e un descenso xeneralizado nos concellos máis rurais. O incremento máis elevado nos vinte e cinco municipios corresponde a Santiago, que por vez primeira supera a barreira dos cen mil habitantes e faio cunha forte subida de máis de mil veciños, ao pasar de 99.536 persoas censadas a 100.842.
Este crecemento converte a Compostela na locomotora demográfica da comarca, un temón que nos últimos anos correspondíalle en boa medida ao municipio de Ames, que mantén un crecemento imparable que, en base aos datos oficiais do 2024 e os provisionais deste ano, confirma unha subida de máis de catrocentas persoas, un dato de especial valor dada a mocidade do seu censo.
Dentro da comarca destaca un novo repunte demográfico en Boqueixón, cuxo censo do 2023 contabilizaba 4.146 veciños, que aumentaron ata os 4.200, dato oficial do 2024 que chega aos 4.241 no último informe. Pola contra, o municipio de Vedra, que baixou dos cinco mil habitantes o ano pasado (pasou de 5.019 persoas censadas no 2023 a 4.942 no 2024), descende de novo e cae ata os 4.906 veciños.
Tamén perde poboación Teo, ao contabilizar sete habitantes menos (19.038), o que afasta a este municipio da súa meta a medio prazo: superar os vinte mil habitantes e compartir categoría administrativa con Ames, que terá que agardar moito para dar un novo salto, xa que o seguinte chanzo corresponderalle cando teña máis de cincuenta mil habitantes (o último dato provisional do INE asígnalle 33.213).
Nesta comparativa destacan pola súa boa e consolidada tendencia positiva os municipios de Ordes e Melide, ambos os cabeceiras de comarca. No primeiro caso, a cifra provisional outórgalle practicamente douscentos habitantes máis e queda moi preto de acadar os trece mil veciños. Con todo, a capital ordense consolídase como o cuarto concello máis poboado da área de Compostela tras Santiago (100.842), Ames (33.213) e Teo (19.038). Oroso segue subindo (7.770 habitantes), polo que compensa a caída no resto da comarca.
Melide, pola súa banda, conseguiu elevar o seu censo en practicamente cen persoas, ao pasar dun padrón oficial de 7.734 empadroamentos a un provisional de 7.840 inscricións.
Os últimos datos sinalan tamén un cambio demográfico positivo en Padrón e Arzúa. Ao primeiro deles asígnanlle 8.324 habitantes fronte aos 8.246 rexistrados no 2024, aínda que aínda non acadaría os 8.355 contabilizados oficialmente en ano 2023.
No caso arzuán, a subida tamén é importante, 44 persoas máis, sobre todo se se ten en conta que na estatística demográfica do INE do 2023 constaba que ese municipio había 5.901 persoas censadas.