Sumrrá pecha en Santiago o seu 25 aniversario con «Revoluti8n» para comezar nova etapa

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO

O trío de jazz Sumrrá nun concerto recente da súa xira polo 25 aniversario
O trío de jazz Sumrrá nun concerto recente da súa xira polo 25 aniversario BASILIO BELLO

O trío de jazz estrea o seu oitavo disco no Auditorio de Galicia como colofón á xira conmemorativa

28 nov 2025 . Actualizado a las 13:12 h.

Sábado 29 • 20.30 horas • Auditorio de Galicia • 12 euros• «Non subas, déixaos a eles os tres». Eran palabras que se repetían no histórico club Dado Dadá cando nas «jams» algún músico quería sumarse no momento en que coincidían tocando o pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaxista Xacobe Martínez Antelo e o batería L.A.R. Legido. «Nin somos do mesmo sitio, nin da mesma xeración nin compartiamos gustos musicais, pero a realidade era que se xeraba algo especial, unha enerxía moi electrizante e semellaba que todo encaixaba», lembra o contrabaixista. Esa comuñón especial que entón se albiscaba xa por parte do público e dos propios protagonistas transformouse en Sumrrá, que durante este ano celebra o seu 25 aniversario.

Foi a raíz desas coincidencias tocando cando Xacobe Martínez Antelo lle propuxo aos dous compañeiros ver xuntos unhas cancións que compuxera. Xa nunca se separaron dando orixe a un dos tríos de jazz máis lonxevos non só de Galicia senón da escena musical española. Este sábado no Auditorio de Galicia poñerán o colofón á xira conmemorativa dos seus 25 anos. Non será só mirar para atrás, senón que a nostalxia dáse a man co futuro, xa que será a estrea en directo do seu oitavo disco, «Revoluti8n», que este mesmo día ve a luz nas plataformas. «Fainos ilusión pechar un ciclo —o que evidentemente leva á nostalxia e á memoria de 25 anos—, mirando para adiante. Entón, a mellor maneira para nós de mirar para adiante é presentar un novo traballo, o oitavo disco», afirma o contrabaixista.

Será unha «revolución» en Sumrrá este novo traballo? «Si tiñamos a idea de facer algo disruptivo para este 25 aniversario. Vai ser un disco que abra nova etapa. Queríamos facer algo disruptivo a nivel musical, aplicando cuestións a nivel compositivo de como vimos traballando desde o principio e fomos mudando. Agora sería como un salto cualitativo e cuantitativo. Tamén é para nós un «electroshock» para desbaratar todo un pouco e volver a conformar Sumrrá», responde Xacobe Martínez Antelo. En todo caso, afirma que este disco «é un paso máis, non quere dicir que renunciemos ao que somos porque iso é imposible. [...] Non se trata de romper, senón de facer un pouco como coas fichas de dominó: revolvelas todas para iniciar un partida do mesmo xogo e coas mesmas fichas, pero algo novo».

Montaxe especial

Para o concerto deste sábado e a estrea das sete composicións que conforman o novo traballo, Sumrrá ten preparada unha montaxe e unha posta en escena moi especial, o que será «algo revolucionario con respecto á habitual» do trío jazzístico. «Revoluti8n» —o xogo co número está presente desde o seu segundo disco do trío— chega catro anos despois de «7 visións» porque, detalla Martínez Antelo, nunca tiveron présa por publicar xa que «o proceso natural de Sumrrá é ir acumulando as ganas de xerar nova música».

Pecharán así un cuarto de século que deu para moito: «Tivemos épocas de moita actividade, outras de menos; épocas nas que sentiamos que tocabamos teito ao chegar e programadores e a nivel internacional, outras como agora que sentimos o recoñecemento e admiración de moitos. Entón, estamos vivindo un ano moi doce». Algún momento inesquecible? «Temos moitos momentos bos. Temos unha residencia dominical na Casa das Crechas e é unha das experiencias máis gratificantes; este domingo será o 232, é algo inaudito. Despois, todas as saídas e tocar desde Corea, a Sudáfrica, México, Canadá..., a próxima semana iremos á India; nelas sempre aprendemos algo», responde Xacobe Martínez Antelo. Un tempo no que tamén cambiou moito a industria da música. «Ese mundo de hai 25 anos xa non existe, a música e as nosas vidas cambiaron, pero, por outro lado, o sentimento que temos de cara a música é o mesmo», di.

Sumrrá despois desta presentación no Auditorio de Galicia e do concerto nas Crechas —«Compostela leva sendo moitos anos a capital cultural de Galicia»—, emprenderá viaxe para á India de cara a ofrecer dous concertos en Calcuta e Delhi entre o 3 e o 9 de decembro. Ao regreso, actuarán de novo nas Crechas os domingos 14 e 21, para tomar un pouco de descanso a principios do 2026 antes de iniciar a xira para levar «Revoluti8n» tanto por Galicia como por fóra.