Ignacio Requena, membro dunha extensa familia segoviana, contaba 14 anos cando o seu pai, médico de familia, trasladouse a Galicia: o verdor da nosa terra sorprendeulle en gran xeito, pero tamén a humidade das sabas na súa primeira noite en Caldas de Reis, que lle levou a hipotetizar que os seus irmáns lle habían gastado unha singular novatada.
Como outros membros da súa familia, Ignacio foi un estudante moi brillante. Decantouse pola especialidade que coida da esencia das persoas: memoria, entendemento, vontade, amor, odio… dependen da funcionalidade do sistema nervioso. Foi o décimo terceiro dos residentes de neuroloxía formados no Servizo de Neuroloxía do Hospital Clínico de Santiago, fundado hai 50 anos polo Profesor M. Noya. Tres cursos posteriores ao meu, cábeme a honra de ser compañeiro, amigo e ata un pouco mestre e, á vez, discípulo. A publicación, nos inicios da década dos 90 dos Cavernomas do sistema nervioso central constitúe un fito na historia da neuroloxía compostelá.
Por tempadas, exerceu a neuroloxía, con gran valentía e eficacia, en Bélxica e en múltiples hospitais de Francia, a pesar de que estudou inglés como segunda lingua no bacharelato. Home de palabra, conviccións firmes e moitos amigos, foi unha persoa na que se podía confiar sen ningún temor á cambadela, traizón e engano.
Descansa en paz, querido Ignacio! Agardo atoparche outra vez nesa dimensión eterna de paz, acougo e amor, coa que soñan e anhelan todos os cerebros da nosa especie.