O Obradoiro esnaquiza ao Cartaxena e sentenza ao rival no primeiro cuarto
SANTIAGO
O equipo compostelán acadou unha máxima renda de 28 puntos ante un adversario que guindou a toalla cando os de Epi pisaron o acelerador
16 nov 2025 . Actualizado á 00:43 h.O Obradoiro asinou a sexta vitoria consecutiva na pista do Cartaxena, sétimo triunfo se sumamos o conseguido na Copa España fronte ao Oviedo. O quinteto da capital galega pasoulle por amais a un rival que en ningún momento foi capaz de aguantar o forte ritmo dos santiagueses, que acabaron gañando por un contundente 68-94. O Obra adxudicouse os catro parciais, sentando xa as bases da vitoria no primeiro cuarto, no que acabou con 13 puntos de renda. Tanto no segundo como no terceiro parcial, o equipo que adestra Diego Epifanio nunca baixou a garda. Chegou a ter unha vantaxe de máis 28 no tramo final da terceira entrega.
O desigual encontro arrincou cun triplo de Álex Galán aos poucos segundos. ?Barrueta elevou a distancia. O Cartaxena viu pasar os minutos sen forza nin enerxía suficientes para frear o bo ataque do Obra. Moi pronto, os visitantes acadaron os dez de renda, nun primeiro acto no que estiveron moi finos desde o perímetro.
A anotación do Obradoiro estivo moi repartida, aínda que Brito foi o máis elevado con seis puntos. O equipo acadou un cincuenta por cento de fiabilidade en triplos, con cinco anotados de dez lanzados. Só tres balóns perdidos e nove rebotes. ?Co 15-28 do primeiro parcial, o colectivo galego case sentenciou o duelo.
Outra vez Andersson
No segundo cuarto, Andersson repetiu o que lograra no primeiro, é dicir, un triplo con tiro adicional. Volveu acertar e a distancia foi de 17 (17-34). Nin sequera o triplo de Domenech asustou un pouco aos composteláns. ?Kravic obrigou a Félix Alonso, ex adestrador do Obradoiro, a pedir tempo morto para intentar tapar un pouco a profunda ferida dos locais.
Reaccionou Faverani. Tamén Rivera, que cun triplo deixou a dor en só nove puntos (29-38). O mesmo xogador, cun dous máis un, e un parcial de 12-4, deu certa vida, realmente moi pouca, ao seu equipo. Foi toda unha miraxe. ?O 32-40, a tres minutos e medio para o descanso, de pouco lle serviu ao Cartaxena. Ata o final do cuarto, un parcial de 0-11 volveu darlle aos obradoiristas unha clara alegría. Esta nova reacción iniciouna Westermann cun triplo e situando o 32-45 a dous para o descanso. Logo, Barrueta, Dos Anjos, Barcello, o propio Westermann e Brito acadaron o intermedio cun contundente 32-51.
O terceiro cuarto
?No terceiro cuarto, tras o descanso, o Cartaxena parecía espertar. Asinou un parcial de 6-0 de saída, pero de novo Westermann tombou a ilusión local. O Obra foi incrementando a súa renda. Primeiro a 19, co bo acerto de Barcello desde o tiro libre (40-59). ?Despois, cun triplo de Barrueta, a distancia foi de 22 (40-62), o que obrigou a Félix Alonso a deter de novo o encontro.
Á volta da charla, Westermann executou tres tiros libres consecutivos e estableceu un (40 65) que parecía arruinar definitivamente calquera esperanza dos cartageneros. No tramo final do terceiro parcial, o Obradoiro, cun novo triplo que levou á firma de Brito, situou un máis 28 no luminoso (49-77). Intentou reaccionar sen éxito o quinteto local, que rematou a terceira entrega do encontro sen osíxeno e cun doloroso 52-77.
O último cuarto apenas tivo historia. De feito, foi o máis igualado. ?O Obra só conseguiu unha vantaxe dun punto (16-17). O quinteto de Epi xogou a medio gas, con moitas rotacións e sen intención de facer aínda máis grave a ferida dos locais. As distancias en todo momento superaron os 20 puntos. Un par de triplos do Cartaxena espertaron timidamente á afección, que festexou cun parcial de 14-9, insuficiente para baixar de vinte a renda dos obradoiristas.
Ao final do encontro, o Obra volveu chegar ao máis 28 (66-94), pero unha canastra de Suokas deixou o marcador no definitivo 68-94. Mentres o Obra continúa co seu gran refacho, subindo banzos na táboa clasificatoria, o Cartaxena afunde aínda máis ao contabilizar a quinta derrota consecutiva na Primeira FEB.
As CIFRAS
Tiros libres, 15 de 15: Barcello e Westermann
O Obradoiro acabou o partido cun 76% en tiros libres (22 de 29). Con todo, Álex Barcello e Leo Westermann concluíron a faena cun pleno: 8 de 8 para Barcello e 7 de 7 para Westermann.
Triplos, 10 de 26: un 50% no primeiro cuarto
Durante o primeiro cuarto, no que os obradoiristas sentenciaron ao Cartaxena, o equipo tivo un bo acerto desde o triplo, cun 50% de efectividade (5 de 10). Con todo, as porcentaxes baixaron logo, cun 38% (10 de 26).
Rebotes, 30: igualdade na pintura
Felipe Dos Anjos, con sete capturas, foi o mellor na pintura: 30 rebotes o Obra e 28 o Cartaxena.