A Casa das Máquinas, en Galeras, acollerá un obradoiro e un programa de conferencias, de balde e abertos ao público
04 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Venres 7 e sábado 8 • Casa das Máquinas • As Xornadas de Ilustración Urbana regresan a Compostela os días 7 e 8 de novembro. Organizadas polo Concello de Santiago co apoio da Deputación, A Casa das Máquinas, en Galeras, acollerá un obradoiro e un programa de conferencias, de balde e abertos ao público, que poñen o foco na ilustración como ferramenta de observación e reflexión sobre o espazo urbano.
Na presentación da programación participaron o deputado de Patrimonio, Xosé Penas; a concelleira Míriam Louzao; e a coordinadora das xornadas, Gemma Sesar. Penas destacou a calidade da programación, «que dá importancia á ilustración como medio de expresión, de arte e de reflexo dunha forma concreta de observar o territorio. Neste catro días imos ter a oportunidade de observar, de aprender e de motivarnos, dun xeito ou doutro, para gozar de Compostela cunha mirada diferente, a duns e dunhas artistas que farán que os nosos ollos se pousen sobre pedras que moitas veces pasarían inadvertidas», afirmou.
Para Louzao, as xornadas remarcan «o poder do debuxo como ferramenta de coñecemento, de observación e tamén de resistencia fronte á velocidade, as distraccións e as rutinas que marcan e condicionan o tempo que vivimos. Da man de artistas excepcionais», dixo, «amosan que é posible tecer unha imaxe alternativa das cidades: un relato feito de ollares atentos, de pequenas historias e de xestos cotiáns que, xuntos, constrúen unha memoria visual compartida de Compostela».
Pola súa parte, Gemma Sesar, apuntou que a de Compostela «é xa unha cita moi admirada e agardada por debuxantes e artistas da ilustración» e animou a cidadanía e visitantes «a tomar parte nesta edición que mesmo inclúe propostas para aquelas persoas que nunca se atreveron co debuxo».