Unha biografía de Luisa Costa, a primeira profesora, abre unha serie sobre as pioneiras da USC

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Santi Alvite

Impartiu a súa primeira clase o 27 de outubro de 1924 na Facultade de Filosofía e Letras

04 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Unha biografía de Luisa Costa Gutiérrez, a primeira profesora da Universidade de Santiago, é o primeiro volume dunha nova serie do servizo de publicacións da USC dedicada ás pioneiras da institución académica. Luisa Costa impartiu a súa primeira clase o 27 de outubro de 1924 na Facultade de Filosofía e Letras, e tamén foi a primeira muller que estudou na Facultade de Dereito.

Con esta nova colección de Edicións USC titulada Pioneiras da Universdade de Santiago de Compostela, «saldamos a débeda que a Universidade tiña, e ten aínda, contraída coas mulleres que conseguiron deitar abaixo os muros de formigón que impedían o acceso da muller á universidade», explica o reitor Antonio López no prólogo desta obra escrita por Ana Cabana Iglesia e Aldara Cidrás Fuentes. «É unha cuestión de xustiza para con aquelas pioneiras, pero ten que ser tamén un compromiso da Universidade para perseverar na igualdade efectiva de dereitos entre mulleres e homes, que, cen anos despois, segue sendo un dos nosos obxectivos», dixo o reitor na presentación do volume, nun acto en Dereito no que interviñeron as autoras, así como a decana do centro anfitrión, Ana María Gude; e o director de Edicións USC, Juan Luis Blanco Valdés.