Secho agarda un partido de distinto corte para o Compostela ante o Céltiga

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

O rival acredita un perfil máis técnico que os das tres primeiras xornadas

26 sep 2025 . Actualizado á 18:02 h.

O Compostela suma pleno de tres vitorias nas tres primeiras xornadas de Liga. A última, ante o Cambados, moi sufrida, xa que chegou no tempo engadido. E este domingo ás 18 horas encara unha nova cita. Visita ao Céltiga coa intención de alongar esa boa serie de resultados e seguir crecendo.

Se non hai contratempos de última hora, o adestrador azul e branco só terá a baixa de Aarón, que o domingo tivo que retirarse en padiola por un traumatismo cranioencefálico. Está previsto que o luns se reincorpore ao grupo, tras unha semana de repouso.

Secho apunta que o Céltiga aposta por unha filosofía distinta á dos tres anteriores rivais: «É un perfil de equipo máis técnico, un perfil de equipo que si que quere facer, a través da pelota, moitas máis cousas, xogadas un pouquiño máis longas. Cando atacan posicional fano cunha liña de saída que ás veces transforman de tres, dándolle certa amplitude. Meten bastante xente por diante da liña da pelota, danlle bastante altura aos laterais. Polo lado dereito intercambian lateral e extremo, un por dentro, outro por fóra. É un equipo con recursos, un equipo no que levan xogando xuntos dúas tempadas. O primeiro ano en Preferente fixeron play off. O segundo ano, este ano anterior, acaban de ascender. Coñécense ben, con catro ou cinco incorporacións, e o mesmo adestrador. Iso todo sempre dá vantaxes».

Análise do rival

Abundou máis en detalle ao analizar o persoal e o fútbol que está a despregar o adversario: «Nico é un xogador rápido, que incorpora ben, ás veces vai por dentro, ás veces vai por fóra. Julio Rey é un xogador tamén coñecido, zurdo, con moi bo pé, que se move ben entre liñas, que tamén é capaz de ir ao espazo. Polo que vimos, alterna tamén xogar aberto en banda e baixar. Utilízao por fóra, utilizouno tamén un pouco como segundo punta, como media punta entre liñas. Por iso digo que esa variabilidade téñena. Teñen a José Sobrido, ao que está a utilizar moito en banda contraria, pero ao final acaba xogando entre central e lateral para atacarte as costas, para tirar diagonais ao lado contrario, para chegar á área cando profundan polo lado dereito. Son un equipo que, cando te fixa, leva a pelota por fóra, con laterais altos. Tamén buscan certo espazo ás costas, métenche eses balóns rasitos aí, que é un punto clave do partido. Primeiro, haberá que intentar que non os atopen aí, tan altos. E, segundo, defender ese balón raso, é dicir, ocupar antes a área para que ese balón non pase entre defensa e porteiro». Tamén apunta Secho que, no seu único partido como local, o Céltiga fíxolle cinco goles ao Somozas. Subliña que ese é un dato indicativo de que hai pólvora.

Confía en que o Compos siga evolucionando. E máis aló de cuestións tácticas, pon o acento tamén na vertente anímica ao lembrar o gol anotado fronte ao Cambados excedido o minuto noventa: «Quedo con que o equipo adestra, o equipo ten vontade, o equipo quere facelo, ver no gol que hai un vestiario san. Iso hai que reforzalo, hai que potencialo, e por aí estamos a ir».