A demanda nos ciclos sanitarios do IES Lamas de Abade desborda a oferta

Margarita Mosteiro Miguel
marga mosteiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

O elevado número de solicitudes que recibe o centro deixa pequena a ampliación de aulas prevista, antes incluso de que empecen esas obras

03 sep 2025 . Actualizado á 12:28 h.

A directiva do IES Lamas de Abade leva varios cursos estirando os espazos do edificio para dar acubillo a todas as necesidades educativas da ESO, bacharelato e ciclos formativos das ramas Sanitaria e de Imaxe persoal que se imparten nas súas aulas. José Besada, director do centro, explica que as prazas ofertadas para o novo curso nos ciclos medios e superiores de sanidade están moi lonxe da alta demanda. Nalgúns casos, as solicitudes duplican con fartura as prazas dispoñibles. No computo total dos ciclos, o centro dispón de 356 prazas para a demanda de 813 futuros alumnos. O IES Lamas de Abade é o único centro de Santiago que imparten as familias sanitarias e en practicamente todas a demanda duplica a oferta.

Esta situación vén agravándose desde hai uns anos, fundamentalmente, pola decisión de crear unha terceira liña nos cursos da ESO para atender a alta demanda xerada pola chegada de familias con fillos aos edificios de nova construción na zona. Ante esta conxuntura, a dirección tivo que «achicar espazos» para crear clases novas. Así, o centro foi aumentando liñas de ESO e bacharelato ao mesmo tempo que lles quitaba sitio aos ciclos. Nos tres primeiros cursos de ESO e en primeiro de bacharelato, o IES pasou de dúas liñas a tres, e para o próximo curso 2026-2027 é posible que aínda creza unha liña máis en cuarto da ESO e en segundo de bacharelato, ante a previsión dun aumento de matrícula.

Así, a aula de Tecnoloxía viu reducido o seu espazo e perdeu o do taller. E no ciclo de Imaxe persoal desapareceu o espazo para realizar as prácticas de barbería. «Cando, por exemplo, fan tinguidos, pois se arranxan na aula onde se imparte a teoría», comenta Bicada. A aula de informática perdeu tanto espazo que precisarían un 130 % máis de horas para cubrir as necesidades; e o de Imaxe persoal, un 120%. Tamén o laboratorio de Física e Química sacrificou superficie en favor doutras aulas, e anulouse a específica de Debuxo. «Habería que abrir máis horas o centro para ter dispoñibilidade nos talleres e laboratorios, pero xa abre ata as 23.00 horas», destaca Bicada, así que «non se pode estirar máis».

De feito, un dos ciclos sanitarios, o de Documentación, pasouse á quenda de tarde debido á falta de aulas. Bicada lamenta que, ademais de non poder cumprir cos niveis de calidade que lles gustarían, tampouco «podemos pedir ciclos formativos necesarios e con boa saída laboral». É o caso de Radioloxía, que «en Santiago só se pode cursar en centros privados».

Ampliación escasa

Para gañar espazo, Educación construirá seis aulas de clase e dúas, máis pequenas, para desdobres, dando unha planta máis nunha parte do edificio. Os traballos comezarán en abril, e estarán dispoñibles no curso 2026-2027. Coa ampliación, indica o director do centro, «gustaríanos pedir novos ciclos formativos, como Radioloxía, pero primeiro temos que recuperar os talleres, os laboratorios e a aula de Debuxo que se perderon, e incluso expor se Documentación pasa á quenda de mañá». Bicada precisa que «se primeiro da ESO volve a dúas unidades, gañamos espazo, pero se segue en tres todo complícase». O problema é que, aínda que quixesen construír un novo aulario, a cualificación do chan non o permite. «Habería que cambiala», apunta.

«Un trampolín para ir a Medicina»

Os ciclos sanitarios están no IES Lamas de Abade en niveis de marca. Esta alta demanda pode deberse, explica José Besada, a que «son un trampolín para ir a Medicina ou Enfermería». O ciclo medio de Coidados auxiliares de enfermería dispón de 25 prazas no centro para 97 solicitudes; e o de Farmacia e parafarmacia, de 44 para 100. Entre os superiores, o de Anatomía patolóxica e citodiagnóstico recibiu 173 solicitudes para un total de 22 prazas neste curso; Prótese dental, 61 para 22 prazas; e Documentación e administración sanitaria, 39 para 30 prazas. E nos ciclos modulares, o de Coidados auxiliares de enfermería ten 77 solicitudes para 25 prazas; 88 persoas pediron cursar Emerxencias sanitarias, para o que hai 44 prazas; e Laboratorio clínico acumula 67 peticións para tamén 44 vacantes.