
O ciclo tamén inclúe unha actuación en Toques o 17 de setembro coa cantante Paulina Ceremuzynska e o arpista Manuel Vilas
19 ago 2025 . Actualizado á 04:55 h.Música antiga, patrimonio e memoria son os ingredientes do ciclo Espazos Sonoros, que iniciará unha nova edición o 31 de agosto no convento de Santo Antonio de Herbón, en Padrón. Actuará a formación Il Concerto Intempestivo a partir das 20.30 horas. Trátase dunha banda emerxente que deu os seus primeiros pasos en Basilea o ano pasado da man de Rahel Voell (violín), Jauma Guri Batlle (Violín), Rebeca Kireg (violoncelo) e Eliot Xaquín Ríos (clave). Previamente, ás 17.30 horas, terá lugar unha visita ao conxunto conventual de Herbón e á igrexa románica de Santa María.
Non será a única cita deste ciclo organizado polo departamento da Deputación da Coruña na área compostelá. O 17 de setembro, ás 18.30 horas, en Santo Antoíño de Toques, actuarán a cantante Paulina Ceremuzynska e o arpista Manuel Vilas. Antes, ás 16 horas, terá lugar a visita á igrexa e ao castro da Graña.
O ciclo, que foi presentado polo deputado de Patrimonio, Xosé Penas, e a directora artística, Belén Bermejo, tamén recalará en Outes, Muros, Curtis e Ortigueira.