Inmigrantes

Cristóbal Ramírez

SANTIAGO

11 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.

En Sigüeiro residiu (ou reside) polo menos un grupo familiar de Marrocos ou Alxeria. Xente encantadora cuxos fillos acudían á escola e participaban en todo, mentres as súas nais asistían ao desfile de Entroido ou o que fose. Agora abriu unha cervexería de certo nivel, Landra, onde a metade das camareiras procede de América Latina. Estupendas profesionais, moi amables. E pasando do escenario micro (chegar a Sigüeiro, no fin do mundo, constitúe un acto de fe cando parte do norte de África ou desde o outro lado do Atlántico) ao macro, só os ignorantes defenden que non é necesaria a inmigración. Fariña doutro costal é o desastre na xestión das avalanchas humanas que veñen sobre Europa e que non pararán por real decreto.

Escrito o anterior, aínda que o lector non estudase en Oxford deducirá que a postura do asinante se atopa a uns cantos anos luz da de Vox. E sen dúbida, cun claro rexeitamento da violencia.

Dito todo iso, procede lembrar o que dicía un coñecido catedrático de Historia da USC: os pobos expandíronse sempre ata os límites da relixión que practicaban. De maneira que cando en Jumilla a dereita prohibe en dependencias municipais actos multitudinarios doutra relixión, neste caso musulmá, o menos que debe facer a esquerda é reflexionar.

Porque se ninguén reflexiona pasará o de Lalín: hai poucos meses un grupo de pais musulmáns entrevistouse co alcalde para pedir que no menú escolar dos seus fillos non aparecese o porco ou que houbese un especial para eles. O alcalde non cedeu, pero soou a alarma: iso é munición para Vox que, por sorte, figura como irrelevante na comarca.