Unha carreira musical nacida a raíz de dous tropezos monumentais

Patricia Calveiro Iglesias
Patricia Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

Miguel Caamaño, tamén coñecido como Yersy Yky, empezou no rap ao repetir curso e xuntarse cun grupo que ía a batallas de galos, coñeceu ao seu produtor por un erro de matrícula e hoxe está envorcado no seu proxecto artístico

15 ago 2025 . Actualizado á 13:23 h.

Antes do verán Miguel Caamaño Gonzálvez foise aos Países Baixos. Traballa en Hema, que «é algo así como o Amazon holandés», explica un mozo criado entre Bertamiráns (Ames) e Negreira que cumprirá este mes os 24 anos. O seu billete de regreso a casa, di, «é vivir da música». Ten un plan minuciosamente pensado para conseguilo e a determinación. «Só me faltaba o diñeiro para facelo e un espazo tranquilo no que centrarme no proxecto, sen distraccións», engade o veinteañero.

Coñecido artisticamente como Yersy Yky, revela que a súa carreira na música naceu a raíz de dúas «cagadas máximas». A primeira delas foi repetir curso, o que lle levou con 15 anos a xuntarse cun grupo de rapaces que rapeaban e ían a batallas de galos. El empezou a improvisar tamén e «notaba que se me daba ben, aínda que se o penso agora non era tan bo como me cría», comenta entre risos. O segundo dos tropezos que o levou ata onde está hoxe xurdiu a raíz dun erro de matrícula, relata: «Esquecín de cubrir a matrícula para empezar o ciclo de Produción Audiovisual no IES Xelmírez, así que fun vivir a Inglaterra e, ao ano seguinte, coincidín en clase co meu produtor, Noize Burner, facendo primeiro curso como eu. Se non metese a pata, non o tivese coñecido».

Pasou Miguel de facer só rap a tocar outros paus e explorar novos xéneros da música urbana. «Deime conta que son máis artista que rapeiro. E aí estou», constata un músico forxado do infortunio, «aínda que só teño mala sorte en cousas puntuais», aclara. O 25 de xullo deu o primeiro paso do que agarda que sexa un longo camiño, co lanzamento do seu primeiro tema como Yersy Yky, Non sei quen queda aquí.

«É o principio de algo moi grande. Levo dous anos nos que non parei de traballar moi duro para planificar os tempos e facer as cousas ben antes de sacalas. De aquí a febreiro xa teño todo pechado, están todos os temas practicamente acabados e o planning de promoción. Cada 21 días sairá unha nova canción a través de todas as plataformas (Youtube, Spotify, Appel Music...). A seguinte será o venres 15, My gf is cheating on you, adianta un artista emerxente disposto a abrirse camiño a pulso. «Todo é moi homemade: os vídeos fágoos e edítoos eu, sempre son parte da produción xunto con Noize Burner e todos os masters e mesturas están feitos por nós», destaca. De feito, o primeiro videoclip gravouse en Negreira, de noite, e a letra ten moito que ver co momento vital que atravesa o autor: «Fala de ir vivir fóra, saír non só do pobo senón tamén afastarse do círculo de xente que sempre te rodeou, deixando atrás calquera tipo de relación sentimental, e empezar nun sitio novo, a coñecerse un mesmo e descoñecerse... Descobres que es moitas persoas e non só a versión única que tiñas de ti mesmo».

E de onde vén o nome de Yersy Yky? Revela que Yky é un diminutivo do alcume polo que o coñecen os seus amigos: Michael (pronunciado /Maikel/). E, seguindo a norma dos superheroes do universo Marvel, cuxo nome e apelidos empezan pola mesma letra, el buscou unha palabra que lle soase ben e comezase por E (de aí Yersy).

Di el que os Países Baixos convertéronse nun lugar de inspiración, non só porque «este país parece debuxado e sacado dun conto de Disney», senón porque ademais foi onde se reencontrou consigo mesmo cando tivo o seu primeiro bloqueo artístico. «Aquí foi onde descubrín que me tiña que dedicar a isto e quedeime tres meses a primeira vez, traballando nun almacén con flores e dando forma ao meu soño». Agora volveu, disposto a catapultarlo.