As dúas fundacións sanitarias de Santiago recibirán fondos autonómicos

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

javipefoto

Os representantes do Fidis e de Medicina Xenómica asinaron os contratos-programa coa Xunta

30 jul 2025 . Actualizado á 12:05 h.

«É un día importante para a comunidade científica e investigadora». Con estas palabras celebrou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a firma xunto co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, dos contratos-programa coas catro fundacións de investigación biomédica do sector público galego para o período 2025-2026. Dous teñen a súa sede en Santiago: a Fundación de Medicina Xenómica e a Fundación do Instituto de Investigación Sanitaria (Fidis).

O Consello da Xunta aprobou o luns destinar case 2 millóns de euros co obxectivo de reforzar o I+D+i sanitario en Galicia e que estas entidades poidan pagar os seus gastos estruturais. O conselleiro de Sanidade, máis aló de enxalzar o labor das fundacións, manifestou a súa confianza en que esta inxección de fondos servirá para «promover a investigación» e xerar un coñecemento que repercuta no «benestar da poboación».

Pola súa banda, o titular de Educación, Román Rodríguez, tamén responsable da carteira de Ciencia, subliñou a importancia do financiamento público no ámbito da saúde, porque os seus resultados se traducen nunha mellor calidade de vida para os galegos.

A repartición dos fondos e farase atendendo os resultados obtidos por cada entidade de acordo cunha serie de indicadores sobre a súa actividade.