
O dianteiro ascendeu á Primeira Federación o ano pasado co Pontevedra, onde marcou 16 goles nas dúas últimas campañas
15 jul 2025 . Actualizado á 22:29 h.O Compos xa ten na súa nómina o nove que buscaba para loitar polo ascenso desde o minuto cero, sen escusas. Un ariete con gol e con moita experiencia, que chega a San Lázaro cunha importante traxectoria futbolística. O equipo de Secho potencia o seu ataque con Carlos López Vilasánchez, Charly (Ares, 1996), que asina por unha tempada no conxunto branquiazul. O dianteiro coruñés vén de ascender á Primeira Federación co Pontevedra de Yago Iglesias.
O Compos faise cos servizos dun dianteiro zurdo que aos seus 29 anos acumula unha grande experiencia no fútbol galego. Trátase dun xogador con moita capacidade goleadora e que destacou nos equipos que xogou por «a súa facilidade para ver porta, tanto en accións ao espazo como resolvendo na área», apuntan desde o club santiagués.
Charly vestirá a zamarra do Compos tras unha última etapa de dúas campañas no Pontevedra, onde disputou 66 partidos e marcou 16 goles, tres deles ao Compos. O curso pasado, con menos presenza no equipo de Yago Iglesias, converteu tres tantos.
O curso pasado, no 4-1 do Pontevedra-Compos de Pasarón, logrou o primeiro tanto granate. Na campaña 23-24 anotou o terceiro gol do 3-0 fronte aos compostelanistas (os outros dous foron obra de Rufo) e o primeiro do empate (2-2) que se rexistrou nese mesmo campionato en San Lázaro, onde tamén foron protagonistas co seu acerto rematador Dalisson, polo Pontevedra, e Hugo Matos e David Soto, polo Compostela.
De granate protagonizou un refacho de oito xornadas consecutivas marcando, o que lle valeu ser o dianteiro con mellor media de goles por minuto de toda a Segunda Federación. Foi en marzo do 2024 cando dinamitou a marca do mito Charles no Pontevedra. E iso son palabras maiores nun club no que o brasileiro é unha institución e situara a cima en seis semanas consecutivas anotando. «Unha vez que empezas, queres seguir marcando. Sempre é importante e doulle moito mérito de superar a Charles», declarou aquel día Charly López en La Voz de Galicia.
A súa formación
Formouse nas categorías inferiores do Deportivo e do Racing de Ferrol. Comezou a dar os seus primeiros pasos no fútbol sénior co cadro departamental e contou con minutos no primeiro equipo verde cando aínda era xuvenil. A súa primeira campaña ao completo disputouna no Galicia Mugardos, en Terceira División, pasando posteriormente polas filas do Cerceda, co que logrou o ascenso á Segunda División B, e do As Pontes. No cadro pontés destapouse como un gran goleador, en dúas tempadas, unha en Preferente e outra en Terceira División, nas que marcou 39 tantos.
As súas boas actuacións achegáronlle ao Bergantiños, co que acadou o ascenso á Segunda RFEF. En Carballo estivo dous anos e medio e asinou 16 goles, destacando especialmente os nove que anotou na primeira volta do exercicio 2022-2023. Naquel mercado invernal viaxou a Zamora. Alí materializou seis tantos, converténdose con 15 no pichichi do grupo primeiro e no segundo máximo realizador de toda a categoría na tempada.
Cinco ascensos
Charly vestirase de branquiazul na capital galega co firme obxectivo de lograr o ascenso, algo que lle é moi familiar, pois ata en cinco ocasiones cambiou de categoría ao final de curso (Racing de Ferrol, Cerceda, As Pontes, Bergantiños e Pontevedra).