
Arrincaron con descontos que oscilan entre o 20 e o 50%, sobre todo no téxtil e calzado
02 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.As rebaixas estivais chegaron practicamente ao mesmo tempo que o verán oficialmente, e coincidindo coa primeira onda de calor da tempada. Algúns comercios, entre os que están os das grandes cadeas do téxtil, arrincaron cos descontos o 21 de xuño, e aos poucos fóronse sumando aos descontos outros establecementos da cidade. Só ningúns dos máis pequenos seguen resistíndose a colgar o cartel do inicio das rebaixas, pero por agora ofrecen pequenas vantaxes aos seus clientes máis fieis.
Nestes primeiros días, as porcentaxes dos descontos arrincan entre o 20 e o 50%, e en moitos dos comercios as promocións afectan só a unha parte dos produtos dispoñibles no establecemento. Poucos son os que colgan o cartel de rebaixas para todas as existencias. Os do sector téxtil e do calzado, como é habitual, son os que máis descontos ofrecen e os que comezan cunhas promocións máis agresivas.
Neste inicio xa é posible comprar pantalóns Lewis, nun comercio do centro histórico, pola metade do seu prezo inicial. Cun desconto de 20 euros é posible adquirir un vestido branco de bordado nun comercio da rúa Alfredo Brañas; e nunha boutique da rúa Xeneral Pardiñas, no seu escaparate exhíbense pezas con ata 40 euros por baixo do prezo inicial. Calzado de verán, sandalias e deportivas de tea, a metade de prezo ou cun 40% están dispoñibles nalgunhas das franquías máis populares de Santiago.
Tamén o téxtil de fogar intenta captar a atención dos consumidores con ofertas atractivas, que se aplican fundamentalmente ás sabas de algodón, colchas de verán, manteis e toallas. Ata as ópticas únense á febre das rebaixas de verán, e expoñen ofertas «irresistibles» para lucir novas gafeñas de sol. Incluso as perfumerías intentan rabuñar algún comprador con ofertas en cremas solares. Nunha franquía nacional recoñecían que o inicio das rebaixas neste tipo de produtos vén imposto pola empresa, e explicaban que, aínda que en Galicia, as vendas teñen un calendario diferente ao de Andalucía ou Levante, por contrato non poden atrasar o inicio dos descontos. Lamentábanse do feito dos clientes agardan ás rebaixas para comprar as cremas, porque antes non son necesarias.
O sector segue considerando que a liberación das datas das rebaixas prexudica especialmente aos comerciantes dos pequenos establecementos, que ven irse polo desaugadoiro os beneficios das vendas ao facelas con descontos cando case non se iniciaron as vendas da tempada de verán.
José Antonio Seijas, presidente de Comercio Punto Compostela, é dos máis críticos co calendario das rebaixas, xa que insiste en que non houbo tempo para vender ao prezo inicial nin as pezas de roupa nin o calzado de verán, polo que iniciar as rebaixas supón perder parte dos beneficios. A tempada de verán comeza en marzo, lembra, e «esta data pode ser boa para Levante e Andalucía, pero en Galicia ninguén compra sandalias en abril. Non pode ser o mesmo calendario nin de inicio de tempada nin de rebaixas», insiste. O portavoz do comercio lembrou que xa o ano pasado a cadea téxtil máis importante do sector empezou a finais de xuño, e este ano o día 20 xa se podía comprar de rebaixas no seu web e ao día seguinte en tenda. A Seijas gustaríalle que os clientes soubesen cal é o prezo de fabricación daqueles que teñen marca propia, para que realmente se soubese cal é o beneficio obtido coa rebaixa. «Perdes o verán ao adiantar as rebaixas. Os beneficios pérdense. Cando compras un bañador?, cando o vas a usar, en xullo. Poucos fano en abril, case só os de alto poder adquisitivo», dixo.