Miguel Fernández, director xeral do Compostela: «Baixar foi un fracaso, tentaremos convertelo nunha oportunidade»

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Ten claro que a marcha deportiva é clave para lograr máis masa social

27 jun 2025 . Actualizado a las 23:06 h.

Miguel Fernández (Compostela, 1991) é director xeral da SD Compostela. Vai camiño de cumprir un lustro en San Lázaro e estalle tocando vivir a etapa máis dura, a do descenso. Encara tempos de reconstrución, co obxectivo de volver o antes posible á Segunda RFEF. Con ese norte estase a confeccionar o novo equipo, amplamente cambiado.

—¿Está xa totalmente dixerido o descenso?

—Personalmente debo decir que tras a derrota en Ávila vía que as posibilidades eran nulas. Despois do último partido chegaron días de análise cos membros do equipo e de poñernos xa co orzamento.

—¿Conclusión desa análise?

—Coido que fixemos unha aposta por un proxecto con moita xente da casa e da canteira. Houbo un tramo, cara a novembro, coincidindo coa Copa do Rei, no que parecía que ía saír ben. Pero en decembro comezou a esmorecer. Tomáronse decisións un pouco desesperadas para tentar remontar, e non foi o caso, aínda que houbo un momento en que o tivemos moi preto. Quizais foi unha aposta demasiado arriscada. Non saíu ben.

—Quizais sexa pregunta máis para o presidente, Antonio Agrasar, que para vostede. ¿Por que opta por estar tan fóra de foco?

—É unha decisión que tomou desde o principio e así mo transmitiu. Entendo que se a dinámica do primeiro equipo fose boa, ninguén diría nada. Son voceiro do club e encargado de trasladar o que me transmite a xunta directiva. É unha maneira de traballar que non afecta en absoluto ao rendemento do equipo.

—¿Ás veces é mellor dar un paso atrás para tomar impulso?

—Temos que tomalo así. Tratamos de facer un proxecto para ascender, con bos cimentos para seguir medrando. Baixar foi un fracaso, tentaremos convertelo nunha oportunidade.

—¿Consolidar unha media de máis de un milleiro de afeccionados nos partidos de San Lázaro é unha materia pendente?

—Temos moitas materias pendentes. O ano pasado fixemos un gran esforzo por poñer prezos moi baratos nos abonos. Logramos rozar os 3.000, grazas en boa medida ao partido da Copa do Rei, no que ocupamos as 8.500 bancadas dispoñibles. Moita xente fixo o abono para ir a un ou dous partidos. Non conseguimos que repetisen. ¿Por que? A mala marcha deportiva a partir de decembro non axudou. Ir a San Lázaro non era a festa que debería ser. Temos que seguir buscando a maneira de atraer xente e temos claro que para que a masa social aumente son necesarios bos resultados deportivos.

—¿Cómo se pode ilusionar a afección de cara a esta campaña?

—Que a xente vexa que queremos facer un equipo que sexa referente en Terceira. Creo que as fichaxes que levamos asinadas foron ben recibidas. Facemos todo o posible para tratar de conseguir bos resultados.

—¿Van chegar a un millón de euros no orzamento?

—Nesa liña traballamos. Teño que dar as grazas aos patrocinadores, que na súa meirande parte seguen apoiando e nalgúns casos reforzando as súa achegas. O que non vai seguir é Lenovo e Motorola, a quen estamos moi agradecidos porque foron un dos patrocinios máis importantes e teñen as portas abertas. Por unha cuestión estratéxica, non poden continuar apoiando en Terceira RFEF como estaban facendo. O club está traballando en buscar outros patrocinios para este ano, e creo que nos atopamos preto de pechar algún.

—¿Cal é o modelo de traballo? ¿Secho é o que decide en función dos cartos dispoñibles?

—Hai unha partida para xogadores e corpo técnico, e con iso ten que facer o equipo. Así o acordamos con el.

—E non me vai concretar a contía desa partida.

—Non.

—Non é doado entender tanto segredo. Na NBA calquera pode saber incluso canto cobra cada xogador.

—O tema dos contratos, e a protección de datos, é complicado. De tódolos xeitos, cando estea pechado o orzamento non haberá problemas en desagregar as partidas.

«Todo está listo para cando chegue o momento da conversión en sociedade anónima»

A actual directiva, presidida por Antonio Agrasar, tiña na súa folla de ruta a conversión do club en sociedade anónima deportiva. Miguel Fernández confirma que é un paso que está preparado, so á espera de que se despexe o horizonte xurídico.

—¿O da sociedade anónima é unha cuestión en modo de espera?

—Non, segue a ser un obxectivo. Hai unha aposta decidida pola conversión en sociedade anónima deportiva. Pero ten que darse o contexto axeitado. E, como todo o mundo sabe, hai unha vía xudicial aberta co anterior presidente, Antonio Quinteiro. Para tranquilidade de todos, o mellor e esperar a que iso quede resolto. Mais, as contas, a documentación, todo está listo para cando chegue o momento.

—¿En que punto se atopa ese proceso xudicial?

—Esperando a que se celebre o xuízo no que se determine o que reclama Quinteiro, se a entrada de novos socios se fixo de acordo coa lei ou non. Nós entendemos, evidentemente, que todo se fixo ben. De tódolos xeitos, no que se refire ao traballo diario no club, non afecta absolutamente nada porque seguimos adiante con toda normalidade. Estamos á espera dunha resolución que peche esa vía, centrados entre tanto no que temos que estar centrados.

—¿Que mensaxe lle traslada a afección de cara a nova tempada?

—Pois que confíe no grupo de traballo que hai agora mesmo no club, que se están facendo as cousas de maneira sensata pero moi ambiciosa. Estamos moi ilusionados co proxecto deportivo que está liderando Secho e esperamos que sexa o inicio de algo estable e duradeiro, para que se vexa ao Compos onde ten que estar.

—¿E a campaña de abonos?

—Estamos a ultimala. En xeral, haberá prezos máis económicos e pretendemos arrancar o vindeiro 7 de xullo.