
A cita coa música de vangarda puxo á venda os primeiros abonos
18 jun 2025 . Actualizado á 04:55 h.O Wos Festival celebrará a súa oitava edición do 11 ao 14 de setembro para encher Santiago con sesións de música electrónica avanzada e de vangarda, «performances» internacionais e obras «site-specific» en máis dunha decena de espazos. Deste xeito, a cita regresa ao calendario musical compostelán despois dun ano de ausencia no 2024 «para poder repensar WOS en todas as súas dimensións e explorar así novos formatos, escenarios e sinerxias para a súa oitava edición».
Aínda que aínda non desvelou ningún nome do cartel, desde o WOS puxeron onte á venda un número reducido de abonos a un prezo reducido a través da plataforma DI. Ademais, por primeira vez na historia, estes abonos incluirán a posibilidade de asistir ás proxeccións cinematográficas de Numax. Desta nova edición, avanzan que participarán «numerosas figuras recoñecidas internacionalmente». Ademais das sesións de electrónica, non faltarán as mesas de debate e outras propostas. A previsión é dar a coñecer os primeiros nomes o día 24.