
Catrocentos afeccionados ao ciclismo participaron na primeira edición
24 may 2025 . Actualizado á 19:53 h.A primeira edición da BTT Arzúa Destino Verde, unha iniciativa que nace coa vocación de combinar o goce do deporte e a natureza pero sen unha vertente competitiva, contou co respaldo dunha alta participación. Catrocentos deportistas tomaron a saída ás 9.30 da mañá no campo da festa de Santa María dispostos a completar os 31 quilómetros da ruta curta ou os 46 da longa, segundo a opción escollida por cada un ao inscribirse. O sol e as altas temperaturas acompañaron ao longo de toda a xornada.
Esta primeira edición foi impulsada pola Concellería de Turismo. O seu titular, Begoña Balado, fixo un balance moi positivo da experiencia: «Para nós é unha enorme satisfacción comprobar que esta primeira edición da marcha BTT tivo tan boa acollida. Detrás desta iniciativa hai moito traballo e ilusión, e ver que 400 persoas apostan por Arzúa como destino para gozar da natureza e do deporte é moi emocionante. Queremos dar as grazas a todas as persoas participantes e tamén ás corenta entidades e empresas que se implicaron. O noso concello está preparado para ofrecer unha experiencia inesquecible a quen nos visite».