
Libros, concertos e unha exposición lembraron o legado da poesía popular
17 may 2025 . Actualizado á 08:19 h.«Axudádeme a cantar, nenas da miña aldea; axudádeme a cantar, que estou en terra allea, aila la la ai la la la». E son moitos os que estes días axudan a que resoe mais forte a voz das cantareiras con motivo do Día das Letras Galegas mediante exposicións, concertos ou con publicacións. Se onte o día xa foi intenso como previa, hoxe continuará.
Cun repaso desde esas miradas que se pousaron nas cantareiras desde o século XVIII ata actualidade, a Biblioteca de Galicia homenaxea as mulleres que mantiveron viva a poesía oral na mostra «Tesoureiras do noso». Desde Frei Martín Sarmiento, quen xa consideraba as cantigas como pura poesía, ou Rosalía de Castro, entre as pioneiras en poñer o foco nelas, ata a actualidade, cos grupos que agora reinterpretan toda esa tradición, como Tanxugueiras. Polo medio investigacións como as de Dorothé Schubarth, Alan Lomax e Gustav Henningsen. A mostra, inaugurada onte polo director xeral de Cultura, Anxo Cultura, poderá verse ata setembro. Nel recortes de prensa, fotografías, comentarios e publicacións combínanse con vídeos e arquivos sonoros que permiten ao visitante escoitar as voces das mulleres homenaxeadas. As citas continuarán hoxe na Cidade da Cultura propoñendo unha pequena foliada compartida con SororAs.gal (18 horas, Praza Central).
Pola súa parte, a Universidade de Santiago sumouse á voz das cantareiras coa publicación da obra «Canta ti, cantarei eu. A poesía popular oral», no que se reivindica «o valor da poesía popular oral, transmitida xeración tras xeración, de forma case sempre anónima e fóra dos recintos culturais hexemónicos, representada por sete mulleres afastadas dos devanditos clixés», manifestou a profesora Ana Isabel Boullón, editora e coordinadora do volume durante o acto desenvolvido no Salón Nobre de Fonseca, onde soaron as voces do grupo Ferreñas Ceibes.
Tamén a EGAP se sumou a conmemoración nun acto no que participaron o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos. Durante a xornada, a filóloga e fundadora do grupo Arredores, Icia Varela, ofreceu un relatorio e tamén houbo música da man de Emilio Rúa.
Foliada non Auditorio
Entre as actividades que se desenvolverán hoxe está o encontro de Somos Pandeireteiras no Auditorio de Galicia, que contará coa participación de Paula Carballeira, Lucía Aldao, Ánxela Lema, Nuria Vil e Pilar García Negro. Despois dos parladoiros e mesas redondas, celebrarase unha gran foliada aberta á cidadanía entre as 20 e as 22 horas. Tamén en Santiago terá lugar a Gala do Circo das Letras a partir das 19 horas na sede de Circonove.
Tamén nesta xornada haberá actos en Melide, ás 17 horas, coa ofrenda floral que organiza o museo comarcal en homenaxe aos ilustres das letras melidenses. Nesa ocasión será no cemiterio parroquial dos Ánxeles. En Toques, pola súa banda, celébrase o festival Lingua Folk cun cartel que reúne a unha ducia de formacións de música tradicional. En Padrón, o auditorio muncipal, acolle o concerto organizado pola Coral Polifónica Padronesa (20 horas).