O Museo do Pobo rememora a chegada de Castelao a Bonaval

La Voz

SANTIAGO

Xoán A. Soler

A mostra está conformada por 52 imaxes tomadas por Xan Carballa o 28 de xuño de 1984

23 abr 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

Un total de 52 imaxes tomadas polo fotoxornalista Xan Carballa lembran ata o 15 de xuño na ala sur do Museo do Pobo a chegada dos restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao a Galicia o 28 de xuño de 1984. A mostra «Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa (fotografías)», que está comisariada por Xosé Enrique Acuña, foi inaugurada onte e poderá visitarse de martes a sábado entre as 16 e as 20 horas.

Carballa, que por aquel entón tiña 23 anos, inmortalizou a chegada dos restos do intelectual galeguista ao aeroporto de Lavacollla, nos exteriores de San Domingos de Bonaval e no propio Panteón de Galegas e Galegos Ilustres en Bonaval, onde foron soterrados. Foi precisamente nos exteriores de Bonaval onde se produciron os principais incidentes, «xa que fora unha espera moi longa», lembraba Carballa no arranque deste proxecto expositivo que xa se puido ver tanto en Pontevedra como en Lugo. O avión que traía os restos de Castelao desde Madrid a Lavacolla retrasárase porque houbera unha ameaza de bomba. Nas imaxes exhibidas pódese apreciar a chegada do féretro no avión mentres agardaban en Lavacolla Xerardo Estévez, García Sabell, Fernández Albor, Tereixa Castelao e Paz Andrade, entre outros. Tamén retratou o momento no que Tereixa Castelao asina a recepción dos restos, así como as escenas dos enfrontamentos entre corpos de seguridade e manifestantes en Bonaval.

Esta mostra lembrando a chegada dos restos de Castelao para ser depositados no Panteón de Galegos Ilustres recala en Santiago coincidindo coa conmemoración do 75 aniversario da morte do intelectual.