Teo licitará de novo a recollida de lixo con outras bases tras prosperar un recurso de FCC

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

O goberno local presentará no pleno ordinario deste mes a nova memoria coa actualización de datos económicos

18 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O Concello de Teo deberá iniciar de novo o proceso de licitación do contrato de recollida de lixo, limpeza urbana e xestión do punto limpo despois de que prosperase un recurso presentado por Fomento de Construcións e Contratas (FCC) sobre distintos aspectos do expediente administrativo. Esta reclamación centrábase en aspectos vinculados ao persoal que é necesario subrogar e tamén nas retribucións que lles correspondería a este persoal en base ao convenio colectivo de sector.

O goberno teense confirmou que dará conta ao pleno municipal da proposta de aprobación dunha nova memoria para este contrato, que o pasado mes de febreiro saía a licitación cun presuposto de 12,7 millóns de euros coa posibilidade de que ascendese a 14 millóns durante un período de dez anos. Unha vez que a memoria estea ratificada, o Concello modificará os pregos e cláusulas administrativas para licitar este servizo.

O procedemento que agora terá que repetirse comezou o pasado 7 de febreiro coa exposición do expediente e a apertura do prazo para recibir ofertas. FCC presentou un recurso o 28 de febreiro, unha reclamación que dous días antes tamén cursou o sindicato CIG, que igualmente cuestionou o apartado da subrogación do persoal.

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública (Tacgal) aceptou a petición de FCC de suspensión cautelar do procedemento ao compartir o criterio das lagoas das bases do contrato en canto á subrogación do persoal actual porque entendeu que o texto «dificulta aos licitadores coñecer as obrigas que lles pode corresponder asumir».

No momento do rexistro destes recursos non se presentou ningunha empresa ao concurso, pero na data da resolución dos mesmos xa había dúas propostas sobre a mesa, segundo confirma o Concello. Ante esta situación, segundo consta na resolución municipal do pasado día 11, procederase á apertura dun novo expediente vinculado ao anterior para evitar trámites duplicados. A nova memoria incluirá todos os datos do persoal e as súas tarefas para que as empresas poidan realizar «unha exacta avaliación dos custes laborais».