
Os alcaldes de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira asinaron un primeiro documento reivindicativo en febreiro
13 abr 2025 . Actualizado á 05:05 h.Os concellos de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira, asinantes o pasado mes de febreiro dun manifesto para expor ao Ministerio de Transportes a liberalización da AP-9, reiteraron esta petición mediante un comunicado conxunto, despois de que se coñecese a facturación de 210 millóns acadada por Audasa durante o ano pasado.
«Audasa está esquilmando aos nosos veciños e prexudicando a actividade económica na nosa zona. O tramo Santiago-Padrón en particular, e AP-9 en xeral, debe ser libre canto antes», sinala o escrito avalado polos alcaldes destes concellos, que tamén trasladan o seu apoio á Fegamp na súa convocatoria «pola loita dunha AP-9 gratuíta».
«O pasado febreiro demos un paso moi importante, facer que os concellos por primeira vez entren a formar parte dun debate que leva demasiados anos enquistado. Agora é o momento de seguir remando para que se teñan en conta as nosas reivindicacións», sinalan os alcaldes Blas García (Ames), Anxo Arca (Padrón), Xavier Castro (Dodro), Julián Bustelo (Rianxo), José Ramón Romero (Boiro), José Carlos Vidal (A Pobra) e Luís Antonio Pérez (Ribeira).