A rúa do Pombal abrirá a semana que vén tras finalizar as obras para a súa reforma

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Sanmartín destaca que os servizos municipais xa inspeccionaron e deron o visto e prace á obra

12 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A reapertura ao tráfico da rúa do Pombal terá lugar a semana que vén, unha vez que o Concello reciba formalmente as obras que se executaron nos últimos meses e que obrigaron a reordenar a circulación de vehículos nun tramo con elevados fluxos en horas punta. Así o anunciou este venres a preguntas dos medios a alcaldesa, Goretti Sanmartín, quen sinalou que os servizos municipais xa inspeccionaron e deron o visto e prace á obra.

Sobre os problemas de accesibilidade denunciados por veciños, que se queixaron da excesiva altura que inicialmente separaba a calzada das beirarrúas, Sanmartín apuntou que quedaron resoltos. Só queda un punto no que haberá que mellorar as condicións de acceso, aínda que o goberno local xa explicou a unha das familias afectadas que, ao non formar parte deste proxecto, executarase máis adiante, dentro do seguinte tramo da rúa.