«Os médicos tamén enferman», a volta escrita de Martiño Noriega á medicina

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

Paco Rodríguez

O libro vai dedicado á familia, amizades, «e a unha sanidade pública en perigo de extinción»

11 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Reincorporeime á medicina ao comezo da pandemia, despois de moitos anos de sobreexposición pública. Na Medicina de Familia reencontreime nos coidados coa palabra acompañar, co exercicio de escoitar e co innecesario de ter que opinar de todo a todas horas. Este feixe de historias naceron precisamente desa escoita atenta que pode ser parte da cura».

Con este limiar, Martiño Noriega Sánchez (A Coruña, 1975) resume o seu libro «Os médicos tamén enferman», que dedica á familia, amizades, «e a unha sanidade pública en perigo de extinción», e que onte presentou na Libraría Numax de Santiago, acompañado por Flora Miranda, médica e exparlamentaria de En Marea, e Henrique Alvarellos, editor do texto. 

En 130 páxinas crea unha crónica persoal, expresada «como lecturas imaxinarias da realidade» da súa volta á medicina despois de doce anos na política activa como alcalde de Teo (2007-2015) e de Santiago (2015-2019), e destacado político do nacionalismo galego co BNG (1994-2012) e Anova (2012 ata a actualidade).

O libro comeza no verán do 2020 e remata en febreiro do ano pasado, un período no que o Martiño Noriega escritor e médico fala de si mesmo como «doutor na orquestra do Titanic da Medicina de Familia», da que di que «ten o tellado ateigado de buratos e unha noite de auga basta para anegar o soto».