O IES de Teo ve o cárcere desde dentro: «Na viaxe de volta, ninguén falaba»
SANTIAGO

Dezasete mozos entregaron en persoa libros a reclusas de Teixeiro
30 mar 2025 . Actualizado á 05:00 h.O cárcere de Teixeiro é a máis grande de Galicia e nela cumpren condena ao redor de 1.800 reclusos. Coñecer como funciona este centro penal desde dentro non é nada doado, sobre todo se a idea é que o visiten adolescentes de 17 e 18 anos de idade. O IES de Cacheiras (Teo) conseguiuno o pasado día 10 tras intensas xestións e contactos do centro, xa que este tipo de visitas son non son habituais e requiren moitos trámites e permisos. Foron dezasete, porque só podía participar un reducido grupo de mozos. E así foi. Para as coordinadoras desta actividade, as profesoras Trindade Pazos e Teresa Rivera, e para a directora do IES, Olga Simón, foi unha experiencia moi positiva, e o centro agradece especialmente o apoio e o interese das familias cando se lles expuxo esta posibilidade.
A visita organizouse ao módulo 1 de Teixeiro, denominado Nelson Mandela, no que homes e mulleres asumen a xestión do día a día. O grupo acudiu sen temor ningún e con infinita curiosidade. E cando todo acabou, xa no autobús fíxose o silencio e a introspección. «No viaxe de volta, ninguén falaba», lembran.
David Tubío Boo, Martín Rodeiro Aldariz, Sara Rodríguez Dapena e Antía Quintela Precedo, participaron na visita e a pesar de os días transcorridos teñen moi presente a experiencia, sobre todo porque o preso que os recibiu e era, casualmente, veciño de Cacheiras. En pleno módulo coñeceron como funciona o sistema de autogestión e de talleres. «Eu pensei que todo estaba controlado polos funcionarios, e que a persoa que nos ensinou todo o módulo fose unha presa impactoume bastante», destaca David Tubío, que quere enfocar o seu futuro laboral cara á avogacía.
Durante a visita, este mozo de Calo interesouse pola reclusa que os acompañou e respondeu a todas as súas dúbidas. David interesouse pola súa historia e evitou desvelar as súas confidencias. Si recoñeceu que o que máis lle impactou foi interaccionar directamente cos reclusos, aos que viu como «persoas como calquera de nós», co matiz de que, loxicamente, este tipo de visitas só son posibles con reclusos moi determinados. Para Martín, o máis mozo e calado, a experiencia resultoulle moi «interesante», pero se a alguén do grupo espertaba infinita curiosidade visitar o cárcere de Teixeiro esta foi Sara Rodríguez, xa que se recoñecer seareira de series de televisión que transcorren en prisións. Tras visitar unha, a súa visión cambiou radicalmente. «Eu imaxinábame xente moi borde a atopei xente moi amable. Tamén imaxinaba máis barrotes e espazos superfríos, pero non foi así».
Antía Quintela tiña un punto de vista diferente, xa que quere traballar no ámbito social, sobre todo tras a visita a Teixeiro, e xa daba por feito que unha persoa encarcerada non adoita ser moi distinta a calquera outra.
«Unha presa dixo que tiñamos que estudar, que ela acabou alí por non ter educación»
A visita ao centro penal de Teixeiro foi para o IES de Cacheiras a mellor forma de completar a súa implicación no programa Ás Esquecidas, que conecta a mulleres que están no cárcere con persoas do exterior, que lles envían libros atendendo as súas peticións e gustos. O instituto teense participou por segundo ano nesta iniciativa, o que lles serviu como carta de presentación para a visita, xa que os participantes puideron entregar en persoa ningún dos libros, deixando recordos que calan.
A Antía non se lle vai da cabeza unha reclusa á que se lle saltaron as bágoas cando recibiu un libro. «Díxonos que tiñamos que estudar porque ela acabou alí por non ter educación. Chorou coa dedicatoria que lle leu unha funcionaria porque ela non sabía», relata. Esta presa tamén recibiu os típicos cadernos pequenos Rubio para aprender a ler e escribir. Se algo impacta aos participantes en Ás Esquecidas é que moitas mulleres piden libros para os seus fillos ou netos, e nalgúns casos son os únicos agasallos de Nadal que poden facer. E iso que, salvo contadas excepcións nas que teñen televisión na súa cela, a maioría debe permanecer doce horas nela «e sen móbil», resalta Sara, asombrada, polo que a lectura sería unha opción ideal.
«A cela é moi pequeniña e o teito é moi baixo. Se eu tivese que pasar alí una noite daríanme tres ataques de ansiedade», engade Antía mentres David corrobora a súa sensación: «Vivir sen liberdade ten que ser terrible».