Alfonso Zarauza: «Resistín 30 anos no cine de autor e xa penso nun filme sobre os meus inicios en Santiago»
![Olalla Sánchez Pintos](https://img.lavdg.com/sc/jOMM4Yu95X2vuJKkcD5W0Vao4vM=/75x75/perfiles/215/1623409063363_thumb.jpg)
SANTIAGO
O director compostelán está de celebración. «En 1995 estreei nos cines Valle-Inclán a miña primeira curta, con Tosar como protagonista», destaca, mentres pon en valor ao Novo Cinema Galego. «No sofá da miña casa durmiron todos os seus cineastas, como Oliver Laxe. O día que o vaia tirar a ver se sae na gala dos premios Mestre Mateo entre os falecidos do audiovisual», bromea
02 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Neste 2025, no que se cumpren tres décadas desde a estrea da súa primeira curtametraxe, o director e guionista compostelán Alfonso Zarauza, de 51 anos, mira atrás con cariño. «Eses anos 90, nos que me iniciei no cine, foi unha etapa moi bonita. Esta profesión foi un flotador na miña vida, orientoume moi ben nun momento non doado... Logrei ademais resistir trinta anos cun cine de autor, sen venderme ao máis comercial», reflexiona. «Penso xa nun filme sobre eses comezos meus en Santiago», engade o cineasta, sen perder nunca a súa querenza local. «Os meus tataravós viñeron do País Vasco, de aí o de Zarauza, pero logo a familia, que tivo negocios no casco histórico, xa quedou. O meu avó naceu na rúa do Franco», cita. «Para eles, son Alfonso; no audiovisual, son Zarauza; e para os de La Salle, o meu colexio, fun Vilas, o meu primeiro apelido», evoca.
«Con 13 anos, e por unha enfermidade, eu estivera case todo o curso na cama. Aburrido, pedíralle á miña nai un tomo da Larousse e nel atopei un debuxo que lle fixera Verlaine a Rimbaud e que me impactara. Empecei a ler a eses poetas malditos e a escribir poesía. Ao volver ao colexio, non era o mesmo. Pouco despois, un crítico de cine impartira un curso en La Salle e ese mundo atrapoume. Devoraba na tele espazos como Butaca especial; empecei como crítico de cine en radios e mesmo tiña para iso un pase nos antigos cines Valle-Inclán. Co que era o seu acomodador, e xunto a Pablito Iglesias, compañeiro compostelán da alma e co que comecei a facer cine, montáramos un club, Os Hedonistas Fatigados, no que falabamos de literatura», rememora divertido. «Con Pablo estreei en 1995, nunha sala dos Valle-Inclán chea, esa primeira curta, cando case non se facían en Galicia. Nela saía Luis Tosar, nun dos seus papeis iniciais. Eu era moi noviño... Lembro que de noite iamos a locais, como o pub Atlántico, a buscar actores para os nosos proxectos. Moitos, logo xa amigos, eran dunha xeración anterior. Hoxe é un orgullo ver a onde chegaron», constata.
![](https://img.lavdg.com/sc/uNJXNfcFHJjeHC9fSL38wGuJgCk=/480x/2025/01/31/00121738323962385120432/Foto/s_20250129_124720001.jpg)
«Despois de facer na década dos 90 seis curtas, funme case dez anos fóra de Galicia. Residín en Madrid, Edimburgo e Brasil, onde escribín un guion, o primeiro convertido en película. No 2005 outro guion meu foi un dos cinco elixidos nun premio mundial. Con iso fun a Los Ángeles a traballar na miña primeira longametraxe, A noite que deixou de chover, sobre unha noite en Santiago. Eu tiña o anhelo de rodar na miña cidade. Gravámola aquí no verán, de noite, en oito semanas. Como non chovía e necesitabamos auga, houbo que incorporala con efectos especiais. E logo eu vía demasiada...», rescata.
«Cada filme lévame sobre uns cinco anos. Os fenómenos comecei a escribilo con Jaione Camborda no 2010 e estreámolo no 2014... O de maior proxección foi Ons, aínda que a estrea coincidiu no 2020», enlaza, e lamenta que a recepción do premio Cineuropa por ese filme coincidira coa pandemia. «É un recoñecemento especial. Nese festival eduqueime cinematograficamente. Del teño moi bo recordos, ata das colas para as entradas ou da xente que coñecías nelas», apunta. «Ás veces a xente non é consciente do luxo de que Santiago, unha localidade pequena, ofreza, a nivel cultural, opcións propias dunha gran cidade, como son os festivais Cineuropa e Curtocircuíto ou ter os cines Numax», razoa. «Eu volvín no 2009. Aquí creceu a miña filla. Son da rúa de San Pedro», afirma.
«Creo que no meu sofá durmiron todos os membros do Novo Cinema Galego, desde Oliver Laxe a Eloy Domínguez. O día que o vaia tirar a ver se sae nos premios Mestre Mateo entre os falecidos do audiovisual», bromea, afondando na calidade da actual xeración. «É un momento espléndido, con moitos cineastas galegos de prestixio e películas admiradas a nivel internacional. Fóra xa che preguntan que pasa co cine galego... Xa contamos Galicia dende a nosa mirada... Tamén é excepcional o ben que nos levamos, sen rivalidade. No Nadal vémonos aquí todos nunha cea», sinala.
«Agora estou con Islandia, unha coprodución internacional sobre dúas persoas que viven en Galicia e fican fascinadas con aquel país», avanza ilusionado. «Cada filme meu tivo o seu percorrido e logrei manterme fiel a min mesmo e ao meu cine», acentúa.