O centro comercial, que onte acolleu unha feira de maquetismo ferroviario, exhibe ata final de mes unha exposición sobre a chegada do ferrocarril a Galicia
19 ene 2025 . Actualizado á 22:13 h.O centro comercial Área Central sóbese ao tren ata o día 31 coa exposición «150 anos da chegada do ferrocarril a Galicia» que conmemora o aniversario do primeiro percorrido ferroviario entre Cornes e Carril o 15 de setembro de 1873. Ademais, onte uniulle a celebración da primeira edición da Feira do Maquetismo Ferroviario, onde se podían atopar desde pequenas figuras por tres euros ata maquetas de 400 euros. Os afeccionados tiñan para elixir pezas que reproducen locomotoras e outros elementos ferroviarios históricos, así como maquetas de modelos actuais, como o recente Avlo, que se podía adquirir por 340 euros, ou o AVE Séneca, que superaba os 200 euros.
No caso da mostra da Asociación Compostelá de Amigos do Ferrocarril, que permanecerá ata final de mes en Área Central, está conformada por unha vintena de paneis sobre a historia do ferrocarril galego. Abarca desde as súas orixes, en 1873, ata a actualidade ofrecendo ao visitante a posibilidade de achegarse a múltiples anécdotas. Así, nos paneis lémbrase como nos inicios había temor a que a posta en marcha do tren provocase incendios, así como que as vacas deixasen de dar leite e as galiñas de pór ovos. Tamén preocupaban os problemas de saúde que suporía o paso polos túneles, que na liña inicial eran dúas que non superaban os 150 metros cada un: o de Conxo e o de Faramello.
Nos paneis recóllense algunhas das persoas que xogaron un papel crave na posta en marcha desa primeira liña ferroviaria. Entre elas, figuran nomes como o de Domingo Fontán, Montero Ríos, John Trulock —avó de Camilo José Cela— e Ramón do Valle-Inclán e Bermúdez —pai do creador do esperpento—. Na mostra, recóllese como, por exemplo, o traslado dos restos de Rosalía a Santiago para depositalos en Bonaval foi en tren e que o Ford T do chofer de Trulock andaba tanto polas estradas como pola vía férrea.
Onda os paneis informativos e outros obxectos ferroviarios, hai que engadirlle as maquetas das estacións de tren desa primeira liña realizadas con pezas de NG Castelos.