Peche

Cristóbal Ramírez

SANTIAGO

03 jun 2024 . Actualizado á 11:13 h.

Resulta difícil non simpatizar co grupo de estudantes que, na mellor tradición compostelá, acamparon no interior da Facultade de Historia. Inevitable que non veña á memoria aquel memorable peche no mesmo escenario en 1968, antes da revolución de París, cando os escasos policías rodearon o edificio. E que dicir do de Fonseca, en 1976, contra a brutal represión diaria a porrazos contra todo fillo de veciño?

Por iso o peche en Historia hai que velo con simpatía. Tamén pola causa que defenden, está claro. Ese grupo de universitarios converteuse nunha das poucas voces constantes en Galicia contra o masacre protagonizado por un probable criminal de guerra como é o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu.

Esa é a razón pola cal os protagonistas do peche non poden arriscarse a un fracaso e deben porlle fin. Prolongalo provocará a desafección, o cansazo, a aparición de elementos que se apuntan a calquera rebumbio e só lograrán o contrario do que pretenden. En realidade, o efecto búmeran xa empezou. As molestias comezan a sentirse. Por exemplo no adiamento de exames.

Ser intelixente é previr o futuro, e neste caso móstrase con nitidez. O curso toca ao seu fin, e é de supor que ese grupo non aspira a ir diminuíndo e quedar ridículamente reducido para, un día, disolverse con nocturnidade e sen facer ruído para non provocar malas caras.

Ante a opinión pública os encerrados xa triunfaron. Deles depende non converter esa vitoria nunha derrota: poñan fin ao peche cun sorriso na boca e convertan a súa saída nunha festa. Na vida é importante saber gañar.