O persoal de Iberia en Santiago paraliza as mobilizacións para seguir negociando

S. L. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

UXT avala a «boa predisposición» da empresa, aínda que considera que «seguen a ser insuficientes» os oito traballadores máis que incorporará este mércores en Lavacolla

21 may 2024 . Actualizado á 14:18 h.

Os representantes de UXT en Iberia en Santiago, do comité de folga e da nova empresa que asume os servizos de asistencia en rampla e pasaxe da aeroliña (Soegs) emprazáronse esta mañá, nun primeiro encontro no Consello Galego de Relacións Laborais, a manter unha nova reunión a semana que vén para seguir negociando melloras nas condicións laborais que levaron ao sindicato para convocar dous paros os pasados días 16 e 17. Ao termo da reunión, UXT anunciou que paraliza o calendario de mobilizacións previstas, que incluían a convocatoria dunha folga de carácter indefinido.

A representación sindical nesa nova empresa ve «boa predisposición», aínda que considera que os oito traballadores (sete administrativos e un para rampla) que incorporará este mércores no Rosalía de Castro «seguen a ser insuficientes para cubrir as carencias de persoal que se veñen acumulando nestes últimos anos e que se agravaron co peche de Peinador», advirten.

As mobilizacións, por tanto, quedan paralizadas á espera das decisións que poidan adoptarse en futuras reunións coa nova empresa, nas que haberá que abordar as carencias de persoal, todos os acordos pactados con Iberia e que están sen desenvolver, e a apertura dunha nova vía de negociación «para tratar todas as problemáticas que poidan xurdir».