A agrupación amiense de Protección Civil realizou preto de 800 servizos o pasado ano

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

O período de abril a setembro concentrou os meses de maior actividade do colectivo

19 may 2024 . Actualizado á 05:05 h.

A agrupación de Protección Civil de Ames mantivo o pasado ano o seu crecemento como grupo e a súa capacidade de actuación, aumentando os seus medios materiais e participando en numerosos operativos e eventos, nun exercicio marcado polas colaboracións exteriores, preto de 20, moitas relacionadas con actividades deportivas e culturais. O total de servizos da agrupación foi de 769.

O alcalde e concelleiro de Protección Civil, Blas García, destaca «o magnífico traballo dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Ames, os que cada ano desde a súa fundación están sempre dispostos a colaborar e axudar en calquera actividade municipal ou emerxencia que xurda». Engade que é fundamental para o colectivo dispoñer da formación necesaria para atender todas as incidencias e operativos, por iso o goberno local decidiu apostar e apoiar o grupo. Unha colaboración que «vaise seguir mantendo de maneira continuada, non só nos orzamentos municipais, senón tamén en forma de agradecemento e valorando o seu traballo», expoñendo que toda a cidadanía debe sentirse orgullosa do equipo.

Os meses de maior actividade do 2023 foron de abril a setembro. A agrupación atendeu 116 accidentes de tráfico e 23 incidencias de circulación. Decembro rexistrou a maior sinistralidade circulatoria, con 17 accidentes, seguido por xullo, maio e xuño. Tamén se recolleu a 107 animais soltos, colaborouse con 5 asistencias sanitarias e 10 operacións de salvamento e rescate, con 9 incidencias por verteduras. O presidente do colectivo, Juan Pérez Crespo, destacou o esforzo de todos os seus integrantes e subliñou que un 50% dos seus fondos diríxense a formación. Tamén melloraron a dotación da base de Aldea Nova.