Urxencias

Cristóbal Ramírez

SANTIAGO

13 may 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Un fillo do asinante tivo que ir hai uns días a urxencias do CHUS. Trato cordial e a agardar desde primeira hora da tarde ata última, porque un médico decidiu facer unha radiografía e había atasco.

Eses son os feitos, que é ao que nos dedicamos os xornalistas, a contalos. E, como ben deixou claro o xornalismo anglosaxón, os feitos son sagrados e as opinións, libres.

Por suposto que todo o mundo que vai a urxencias quere que o atendan xa. Ou sexa, ao momento, déixese de historias que por iso veño a aquí, non quero demoras. Iso é humano. E quen escribe estas liñas non foi unha excepción no par de veces que tivo que acudir. Pero de aí a que uns ignorantes como somos os pacientes protestemos porque entendamos que está mal organizado o servizo dista un mundo. A protesta só ten lugar se hai unha mala praxe médica (ollo, o medicamento non é unha ciencia exacta) ou se mentres un sofre na sala de espera os médicos dedícanse a xogar ao tute.

A tarde que o meu fillo estivo alí nin médicos nin ATS pararon nin un só segundo. Porque todo paciente esixe que o miren ben, e iso require, polo xeral, tempo. E á súa vez iso implica que o seguinte, espera. Ademais, non hai quenda de chegada, hai gravidade dos casos, e quen aparece cunha perna fracturada e o fémur medio saíndo ten prioridade sobre quen vai por unha bronquite. Caso real, por certo: o da bronquite era eu, e ao da perna non o coñecín.

De maneira que neste país onde todos opinan procede deixar traballar aos profesionais. A quen agora ocupa a consellería de Sanidade e ao seu equipo, e a quen, en urxencias do CHUS, mostran a gran profesionalidade que mostran.