A falta de taxis en Santiago desquicia aos veciños e aos turistas

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

A hostalería esixe solucións pola mala imaxe da cidade e as perdas do sector

03 jun 2023 . Actualizado á 19:28 h.

O problema da falta de taxis en Santiago acada situacións extremas, como a vivida nas últimas horas ao coincidir na cidade unha grande afluencia de turistas e un congreso multitudinario en San Lázaro. Por non ter taxi para desprazarse ao centro da capital, vivíronse escenas propias doutras épocas na contorna do Palacio de Congresos de San Lázaro, con grupos de congresistas comendo en modo pícnic un menú take away preparado, á vez que os composteláns do montón queixábanse das eternas esperas nas paradas do centro urbano e os hostaleiros, xa fosen os do centro da cidade ou os da periferia, tiñan que cancelar mesas reservadas ante a imposibilidade de que os comensais chegasen a tempo.

Mentres o problema crece, os colectivos de taxistas e as administracións municipal e autonómica non pon en marcha unha solución para ampliar, cando se necesite, os medios dispoñibles máis aló das 147 licenzas existentes, e os hostaleiros temen que cos picos turísticos do verán, a situación estale por completo danando moi gravemente a imaxe da cidade.

A Asociación Hostalería Compostela fíxose eco das queixas dos restauradores que denunciaron a cancelación, con moi pouco tempo de antelación, de reservas para comer realizadas por participantes no Congreso da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica, que se está celebrando no Palacio de Congresos de Galicia, en San Lázaro. A razón foi que non era posible conseguir un taxi para baixar ao centro histórico, e volver a tempo para retomar os relatorios da tarde. Nun dos restaurantes situado na rúa Casas Reais canceláronse cinco mesas con menús concertados para quince persoas. Este non é un caso único, senón que se produce noutros restaurantes da cidade, e que non só supón unha perda económica directa para os afectados, tamén dana gravemente a imaxe de Santiago. Afecta igualmente a establecementos da periferia, xa que, en sentido contrario, non chegan a eles os comensais que reservaron mesas e dependen dun taxi que os recolla no centro. «Tivemos que cancelar catro mesas», lamentábase a responsable dun restaurante do norte do centro urbano. Como esta hostaleira tamén rexenta un aloxamento, conta situacións surrealistas que está a vivir, ao confluír o servizo deficitario do bus urbano ao aeroporto e a falta de taxis: «Como o bus tarda oito séculos e medio en chegar ao aeroporto, recomendamos aos clientes que collan un taxi, pero este tampouco chega, e non nos queda outra que coller o coche e levalos nós». «É este o servizo que unha cidade turística como Santiago quere dar?» pregúntase a indignada hostaleira.

Con muletas e sen taxi

Hai moitos máis casos. Onte pola mañá, unha hostaleira do centro histórico denunciou que, a pesar de a súa insistencia para pedir que un taxi chegase ata a porta do seu hotel, unha das súas clientas tivo que irse camiñando, con muletas, ata a estación do ferrocarril pola falta de coches.

Thor Rodríguez reclama unha solución. Considera que unha das opcións sería ter acordos puntuais cos taxistas das localidades próximas cando se prevé que se van a producir problemas como os destes días. Algúns hostaleiros expoñen que se concedan máis licenzas ou que se autorice a entrada de plataformas como Uber.

A xerente do Palacio de Congresos, Belén Montero, indicou que ante un evento como o da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas, que reúne a 1.700 persoas, é obvio que é imposible dispor de taxis para baixar aos participantes para comer ao centro. Apuntou que ademais de ofrecer comidas tipo pícnic, dispuxéronse quince autobuses tipo lanzadeira cuns horarios concretos para facilitar os desprazamentos e asistencia aos relatorios do congreso. Na tarde do xoves rexistráronse colas de cen persoas agardando quenda para o taxi.

«Ocorre todos os días e a todas as horas pero, lonxe de solucionarse, o problema se agrava»

Hostalería Compostela lembrou que «levamos dous anos denunciando esta situación e lonxe de solucionarse, parece que se agrava», dixo o seu presidente, quen emprazou ao novo goberno local a afrontala sen dilación. Thor Rodríguez puntualizou que aínda que o problema da falta de taxis «xa é unha tolemia» cando se celebra algún congreso e, de feito, «os congresistas son os hóspedes que máis o sofren e que máis protestan», non se produce só cando coinciden estes eventos, «senón que ocorre todo os días e a todas as horas, e os sofren tamén os veciños».

Proba diso é o testemuño a La Voz dunha veciña de Salgueiriños que ten un tendón roto e necesitaba un taxi para ir ao médico este xoves. De 16.30 a 17.30, chamou a Teletaxi cada cinco minutos pero ninguén contestou. Finalmente levouna un home que estaba nunha cafetería na que casualmente ela parou para descansar. De regreso a casa, ás 20.30, Teletaxi seguía comunicando. Onte pola mañá volveu chamar para saber que pasara e déronlle unha resposta que lle pareceu peregrina: «Sería unha caída da central de Barcelona».

Xa basta 

A falta de taxis en Santiago é un problema insostible. Polos veciños, primeiro. Polos visitantes, tamén. E, como conclusión, pola imaxe lamentable que proxecta ao mundo unha cidade que vive en gran medida do turismo e que quere ser excelente nos seus servizos. Sorprende a inacción do Concello e da Xunta, e o si pero non corporativista dos propios colectivos de taxistas. Xogamos moito.