O renacemento do Monte do Gozo: era tan doado como servir canas e polbo

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Os composteláns abren por fin os ollos ao parque grazas a un esmerado traballo de paisaxismo pero, sobre todo, á nova oferta hostaleira

06 jun 2021 . Actualizado á 01:17 h.

Polbo, canas e un pouco de jarana. Era todo o que lle facía falta ao Monte do Gozo para converterse nun parque atractivo e frecuentado polos composteláns, que lle deron as costas de forma sistemática con parpadeos intermitentes ao son dos anos santos. A decepción crónica ao longo de case tres décadas quizais vinga arrastrada polas altas expectativas da súa inauguración laica, un 9 de maio de 1993. Foi o histórico día no que Santiago acolleu o seu primeiro macroconcerto, nada menos que de Bruce Springsteen, ao que outro ídolo de masas, Xoán Paulo II, segáralle os toxos catro anos antes ao reunir por centos de miles de mozos cristiáns.

A xestión posterior do recinto non é que fose errática, porque tamén tivo acertos, pero se envorcou en exceso na crecente riada de peregrinos, sen reparar en que unha «cidade de vacacións» nunca ía estar á altura do centro histórico. Nesa mesma coordenada era imposible que funcionase como residencia universitaria, que foi un apaño malo. E despois faltaron ideas e empurre para dar algo de sentido ao complexo.

O da cervexa e a pulpeira é, evidentemente, unha reflexión reduccionista, porque detrás deste esperanzador renacer hai traballo, risco e diñeiro, público e privado, así que a todos estamos a xogarnos algo.

O traballo paisaxístico nas 57 hectáreas de terreo foi notable. A natureza fixo o seu traballo e as árbores creceron ata conformar un espazo verde consolidado, moi paseable e permeable, despois de retirar miles de metros de valos que non se sabe que separaban. Todo iso, que custou 7,7 millóns de euros, pagouno a Xunta , ou sexa, todos os galegos. Pero a guinda ao esforzo público púxolla o grupo hoteleiro compostelán Carrís, que desde hai un tempo xestiona a hostalería e a hospedaxe e que con moita sensibilidade doméstica xa conseguiu encher as súas mesas cada fin de semana, co obxectivo de ir ampliando o seu horario. Un interior coidado, terrazas, unha estrutura exterior denominada Rural Lunch, aparcadoiro sen límites, un parque infantil e unha carta sinxela obraron o milagre do Monte do Gozo, á espera de que peregrinos e santiagueses acaden un punto de convivencia que nos recentes anos de gloria turística erosionárase un pouco no centro da cidade. Hai metros cadrados para aburrir, mesas corridas, polbo, churrasco e cervexa de adega. Pero, sobre todo, hai iniciativa —hoxe e mañá, concertos e actividades infantís— e un rumbo definido. Bo camiño.