Os maiores do centro de día «traballan» para 14 nenos
03 ene 2015 . Actualizado á 05:00 h.Os Reyes Magos chegaron onte por anticipado ao centro de día Vitais de Ordes, e alí deixaron agasallos para catorce nenos e nenas da comarca. Poida que quixesen adiantar traballo, ou que teñan neste centro eficaces emisarios. Ao longo do mes de decembro, os maiores que acoden ás actividades deste centro afanáronse en elaborar toda clase de obxectos, desde fundas para teléfonos móbiles ata marcos de fotos, pasando por pezas de bixutería e moedeiros. O obxectivo, intercambialos a través das redes sociais por xoguetes para os pequenos das familias máis necesitadas da contorna, en cuxa procura contaron coa colaboración de Cáritas. A iniciativa foi todo un éxito, porque ademais de funcionar con axilidade este troco, sumáronse tamén doazóns directas de veciños e familiares dos propios maiores.
Iria Gándara, psicóloga do centro, asegura que «traballaron moito e con moita motivación», xa que ás manualidades se sumaron outros labores a medida que ían chegando os xoguetes. «Limpáronos, lavaron e peitearon as bonecas e envolveron todos os agasallos», unha tarefa que ao parecer, en ningún momento resultoulles tediosa. «O día de Noitevella ás sete e media da tarde ningún quería marcharse», afirma. E onte, todos acudiron máis puntuais que nunca porque incluso os que adoecen máis problemas de memoria, lembraban que recibirían a visita dos nenos. A entrega, que estivo acompañada dunha gran chocolatada, desenvolveuse con xúbilo por ambas as partes: os nenos exultantes por recibir os seus agasallos. Os maiores, observándoos coa alegría de saber que todo foi posible grazas ao seu traballo.
«Para eles é moi importante sentirse útiles», comenta Iria Gándara, e iso prodúcelles tal felicidade que unha señora ata pediu unha pandereita para acompañar a un neno á batería coas súas baquetas. «Agora a ver que nos traen a nós vos Reis», deixaba caer unha señora mentres un neno ofrecíalle un anaquiño de biscoito. Porque por todos é sabido, que o que dá, recibe.
ordes experiencia de troco de obxectos por xoguetes