WikiTok, unha fiestra infinita aos contidos de Wikipedia co formato que fixo grande a TikTok

REDE

Un neoiorquino sorprende cunha aplicación con fins educativos  feita nun día con axuda da IA que engloba todos os contidos da popular enciclopedia e móstraos de xeito aleatorio nunha soa páxina

16 feb 2025 . Actualizado á 10:10 h.

A primeira ollada, Wikipedia e TikTok son como a auga e o aceite. Non mesturan ben.

A grande enciclopedia da internet é unha referencia absoluta do saber. Contén decenas de millóns de artigos en 334 idiomas, redactados por voluntarios de todo o mundo. Pertence a unha organización sen ánimo de lucro. E finánciase con doazóns.

Nos últimos tempos a Wikipedia sufriu feroces ataque por parte de Elon Musk e os seus seguidores. O dono de X, agora adaíl da ultradereita mundial, puxo na diana a este proxecto colaborativo. Considérao, como aos medios de comunicación, un freo para os seus plans, un contrapeso para a desinformación e os discursos de odio que difunde na súa rede e o seu controvertido papel no novo goberno dos Estados Unidos. 

Musk puxo tamén os seus ollos en TikTok. Pero non para atacar á popular rede social chinesa de vídeos curtos, que destaca por ser capaz de atrapar aos usuarios moito tempo no seu bucle infinito de contidos multimedia. A empresa chinesa está obrigada a desprenderse da súa plataforma nos Estados Unidos. A chegada ao poder de Trump impediu o seu clausura, pero reavivou o interese de varios posibles compradores para facerse con ela. Nas quinielas figura o multimillonario surafricano. Acabará TikTok nas súas mans? Veremos. 

A marca e o algoritmo creados por ByteDance valen diñeiro, moito diñeiro. O scroll infinito da aplicación funciona á perfección para favorecer o consumo de contidos sen fin, só movendo o dedo de arriba abaixo.

O que pode verse como un éxito desta formidable máquina de entretemento, tamén ten o seu reverso, o seu lado escuro. Expertos e voces autorizadas criticaron en repetidas ocasións o risco de engancharse ás redes como TikTok, caracterizadas por ese carácter adictivo e pola difusión de contidos lixeiros ou de baixa calidade. A expresión Brain Rot, que podemos traducir como podremia mental, e foi distinguida como palabra do ano no mundo anglosaxón no 2024, fai referencia a este fenómeno. Oxford defíneo como «o suposto deterioro da condición mental ou intelectual dunha persoa tras o consumo excesivo de material (contido en liña) considerado como trivial ou pouco esixente». 

Neste escenario nace WikiTok. Un programador neoiorquino chamado Isaac Gemal recolleu unha idea exposta por un usuario de X que chouchiou a seguinte mensaxe, segundo a web Arstechnica.com: «unha idea tola para un proxecto: toda a Wikipedia nunha soa páxina con scroll». Tras a resposta doutro usuario, no cruzamento de publicacións apareceron a idea do scroll infinito e a palabra WikiTok, aludindo á rede chinesa e á enciclopedia en liña. Á mañá seguinte, tendo claro que quería crear algo con fins educativos, Gemal púxose ao choio. 

Coa axuda de varias ferramentas de IA (Claude e Cursor), en menos de 24 horas creou un prototipo, publicouno e colgou o código en GitHub (o inmenso repositorio de proxectos de código aberto que comprou Microsoft no 2018). Que lanzara? Unha web-app na que os usuarios podían acceder a un fluxo infinito de cartóns (con pequenos resumos e unha foto) de artigos aleatorios de Wikipedia coma se estivesen a navegar por TikTok. E sen maliciosos algoritmos. 

Uno de los clones de WikiTok
Un dos clons de WikiTok

En WikiTok, convertido xa nun dos proxectos máis curiosos do arranque do ano, non podes buscar. Si podes picar na ligazón para ler o artigo completo de Wikipedia. E  compartilo ou darlle a «gústame» (gárdacho para lelo máis tarde).

Tes tamén á túa disposición un selector de idiomas. Ao estar pensado para gozarse cunha navegación vertical tipo TikTok, resulta moito máis convincente cando o usas desde un Android ou desde un iPhone.

Que pareceulle a Wikipedia a idea de Gemal? Segundo o portal Business Insider, que puido falar co programador, gustoulles moito. Na mesma publicación móstrase disposto a colaborar coa enciclopedia no futuro. E lamenta que xa xurdisen varios clons da súa idea que usaron o mesmo nome e similar aparencia. A orixinal, sen ánimo de lucro (aínda que acepta pequenas doazóns para mellorar o proxecto) é a aloxada en https://wikitok.vercel.app/.