A Garda Civil investiga un caso de acoso escolar en Poio e Educación protexe á vítima
POIO
A consellería sinalou que ademais de abrir o protocolo establecido tamén deu parte a Servizos Sociais
04 nov 2025 . Actualizado á 17:19 h.A Garda Civil de Pontevedra está a investigar un caso de acoso escolar no IES de Poio. As dilixencias abríronse despois de que Educación, dentro do protocolo establecido, dese parte do ocorrido ao instituto armado.
Desde a Consellería de Educacón sinalaron que hai un protocolo antiacoso activado no citado centro educativo e que está en marcha o procedemento corrector, ademais das pertinentes «medidas de protección á vítima».
A consellería indicou que, dentro do plan director para a convivencia e seguridade nos centros educativos, contactouse coa Garda Civil e que tamén se deu traslado deste asunto aos Servizos Sociais do Concello de Poio. Por tanto, segundo a Xunta, «tanto o centro como a inspección educativa están a actuar de acordo co protocolo establecido para solucionar esta situación canto antes».
Desde a Xunta de Galicia sinalouse tamén: «Reiteramos a tolerancia cero ante este tipo de condutas e apelamos ao compromiso colectivo fronte a comportamentos contrarios á convivencia para seguir actuando con eficacia e dilixencia ante calquera caso que se produza».