
Os roxinegros asinan sobre a bucina o 30-30 ante un público entregado
21 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.Sempre cren. Sempre pelexan. Sempre. Pode xogarse mellor ou peor, pero o Balonmán Lalín ten tatuado no ADN o esforzo ata a extenuación. Só así se explica o punto arrincado sobre a bucina no duelo ante o Bueu Atlético. Un rival chegaba aos minutos finais con catro goles de vantaxe, cos roxinegros tensos, con perdas en ataque, pero gladiadores no Area alleos ao pesimismo. Con 26-30 todo parecía decidido, pero o xene lalinense apelou ao instinto de supervivencia para recortar cunha bancada envorcada. Chegaba o 27-30. E o 28-30. E o 29-30. E nun voo de Ramón a saque de banda do porteiro desde o seu campo subía o empate, o 30-30 que supuxo un estalido de xúbilo entre os xogadores lalinenses e os espectadores.
O duelo comezou cos visitantes máis acertados, nuns minutos de moitos penaltis en ambas as porterías. Do 0-3 pasouse ao 5-5, para manterse moita igualdade sen que ningún se lograse ir no marcador. Ao descanso os visitantes só gañaban dun, cun 15-16.
Tras a continuación repetíase o guion, entrando mellor o Bueu Atlético. Conseguía unha primeira renda importante de 20-24 que levou a Pablo Cacheda a pedir tempo morto no minuto 13. Houbo reacción, a primeira de varias, cun 24-25. Repetía parón o técnico local co 24-28 no minuto 21. Achegábanse o roxinegros pero estiraban a súa vantaxe ata ese 26-30 antes do delirio total. Pero toca reflexionar polas múltiples perdas en ataque, máis dunha vintena. Antes, iso si, gozar cun punto que a todos sabe a vitoria.
BALONMÁN LALÍN 30
Marcos, Luis Martínez (2), Ramón (10), Martín Losón (2), Xosé (4), Ferradás, Víctor (1) —equipo inicial—, Iago, Adrián, Luis Rozas (6), Miguel García (3), Martín Vázquez, Pablo, Miguel López e Xoán (2)
BUEU ATLÉTICO 30
Xullo, Gandara (2), Roque (3), José (7), Cadilla (1), Rubén, Suárez (3) —equipo inicial—, Hugo, Yuque (1), Oterino, Diego (7), Brais (3), Camiña, Sergio, Samuel (2) e Cerqueira (1)
TENTEADOR CADA 5 MINUTOS: 2-3, 6-6, 8-9, 10-12, 13-14, 15-16 (descanso); 17-20, 19-21, 22-25, 24-27, 26-28 e 30-30 (final)
ÁRBITROS: Julio Villanueva e César Díaz, do colexio galego. Excluíron nunha ocasión a Luis Martínez, Víctor e Miguel García do BM Lalín, e a José e Suárez do Bueu Atlético.