Piden en Pontevedra máis medios para unhas oficinas de estranxeiría «desbordadas»
PONTEVEDRA
Venezolanos da cidade falan dun escenario «crítico» que deixa a persoas fóra do sistema e rompe proxectos de vida
23 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.Foron poucos en número, pero fixéronse oír este sábado pola tarde na praza da Peregrina de Pontevedra. Antes de que desen voz ás súas demandas, o volume e a letra da canción de Galicia Activa chamou a atención dos viandantes que cruzaban por esta zona da cidade. Foi César Alarcón, vicepresidente da Asociación de Venezolanos en Pontevedra (Asovedra), quen leu un comunicado coas súas reclamacións.
Dixo que as oficinas de estranxeiría están desbordadas por falta de persoal e de medios, «sen recursos suficientes para atender a realidade dunha sociedade diversa, viva, que xa forma parte deste país». Fixo fincapé en que unha espera de seis meses para unha cita significa que unha persoa «non pode renovar o seu permiso, que perde o seu traballo, que non pode alugar unha vivenda, que queda fóra do sistema, que rompe o seu proxecto de vida». Denunciaron desde a asociación que unha iniciativa lexislativa popular (ILP) con 700.000 firmas está «bloqueada» no Congreso dos Deputados.
César Alarcón subliñou que non se pode permitir que a estranxeiría se converta nunha barreira, cando debería ser «unha ponte cara á integración, cara á dignidade, cara ao futuro». Incidiu en que desde Asovedra din basta a esperas interminables, a expedientes que se perden no silencio, a mirar cara a outro lado mentres miles de persoas viven na incerteza.
Pola súa banda, o presidente de Asovedra, Manuel Osorio, indicou que queren visibilizar a necesidade dunha estranxeiría xusta, que teña medios e que haxa vontade política para dar unha solución aos que están en situación irregular. O escenario é «crítico», dixo. «Temos persoas que teñen un ano con catro ou cinco meses agardando só para facer a manifestación de asilo ou de protección internacional. É insostible». Na provincia de Pontevedra a asociación estima en tres mil os afectados, e na comarca unhas 600 persoas. Non descartan a convocatoria de novas accións para visibilizar o problema. «España e Galicia necesita que esa man de obra aflore, darlle legalidade, antes de traer a máis persoas, porque hai enxeñeiros, médicos... de todo», afirmou. A comunidade máis afectada é a de Venezuela, seguida de Colombia e Marrocos.